O Goberno estatal acelera os obxectivos de descarbonización da industria

O Perte de Descarbonización da Industria quedará aprobado antes do remate do ano, e de cara ao próximo entrará en funcionamento a Axencia Espacial Española.
A plataforma Galiza sen carbón, que cumpre tres anos, céntrase agora no gas fósil (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mobilización da plataforma Galiza sen carbón. (Foto: Nós Diario)

O Goberno estatal prevé aprobar antes de que remate o ano a orde de bases e a memoria do Perte de Descarbonización da Industria, o duodécimo impulsado polo Executivo. O proxecto conta con 400 millóns de euros, mais a súa dotación podería ampliarse cos 7.800 millóns de euros adicionais en axudas do Plan de Recuperación ou a addenda a este, segundo informaron desde o Ministerio de Industria.

O director xeral de Industria e da Peme (pequena e mediana emprega), Galo Gutiérrez, asegurou no 36º Encontro da Economía Dixital e as Telecomunicacións organizado en Santander que o Ministerio está a traballar xa neste proxecto e que as primeiras convocatorias chegarían no primeiro trimestre do ano.

"Temos a previsión e a obriga de envialo ao Consello de Ministros no trimestre que empeza agora e tamén publicar as bases", subliñou. Galo Gutiérrez exerceu de moderador nesta sexta feira dunha mesa na que estiveron presentes os comisionados do Perte Chip, Perte Aeronaútico e o Perte da Nova Economía da Lingua.

O novo Perte abordaría así un tema central na axenda económica, como é a transición ecolóxica e a optimización do consumo enerxético en plena alerta pola posíbel escaseza de gas e o seu alto prezo.

Previamente, o secretario xeral de Industria e da Peme, Raül Blanco, inaugurou a terceira e última xornada do foro cunha mensaxe centrada na necesidade de alcanzar consenso político arredor da política industrial. Blanco tamén fixou algunhas das prioridades do curso político para o seu departamento, como os avances da lei de Industria, que debe aprobarse antes de que remate o próximo ano.

O secretario xeral analizou o cambio de tendencia desde o abandono da industria nos anos 80 e 90 en favor dos servizos á necesidade de reindustrializar e contar en Europa con capacidade de fabricación.

Perte aeroespacial

Pola súa parte, o comisionado do Perte Aeronaútico, Miguel Belló, reafirmou o obxectivo do Goberno estatal de que a Axencia Espacial Española empece a operar en 2023.

O comisionado explicou os compoñentes do Perte e destacou a importancia de que o Estado español consiga desenvolver capacidade para lanzar satélites por si mesmo, así como a importancia destas ferramentas no día a día. O Perte Aeroespacial prevé mobilizar perto de 4.533 millóns de euros entre 2021 e 2025, cunha contribución do sector público de ao redor de 2.193 millóns de euros.

comentarios