O número de desempregados sen ningunha prestación aumenta en 34 persoas cada día en Galiza

A taxa de cobertura é do 51,7 %, moi por baixo do 54,1% no Estado e 10 puntos menor que a que se rexistraba a comezos da crise. En só un mes aumentou en 1.050 persoas as paradas que non perceben prestación.

Das 203.554 persoas no desemprego que hai en Galiza só perceben prestación 94.369. Delas, só 38.486, menos da metade, reciben a prestación contributiva. A taxa de cobertura en Galiza situouse en outubro -último mes dispoñíbel- no 51,7 por cento, por baixo do 54,1 % do Estado, unha diferenza de case dous puntos e medio. No 2009, cando a crise xa comezaba a bater con forza, a taxa de cobertura era do 63,2%. Desde entón até agora caeu en máis de 10 puntos.

No noso país hai 104.571 persoas que están rexistradas nas oficinas de desemprego que non son perceptoras de ningunha prestación. Unha situación sobre a que alertan sindicatos e axentes sociais, por entenderen que é un campo aboado para a exclusión social.

O mes anterior, setembro, o número de persoas nesta situación era de 103.521, mil cincuenta menos que en outubro. En apenas un mes aumentou o número de persoas no paro e sen prestación nunha media de 34 cada día. En agosto eran 99.111 persoas as que estando rexistradas no paro non eran beneficiarias de prestacións.

En xullo, a contía media bruta da prestación contributiva percibida por beneficiario foi de 780,7  euros (802,3 no Estado). As contías medias das prestacións asistenciais (subsidios, renda activa de inserción e PAE), é de 426 euros. 

Comentarios