venres 30/10/20

Persoal das auxiliares de Endesa piden ao BNG defender o emprego

Noa Presas e Mon Fernández avanzaron que solicitarán a creación de solo industrial na comarca das Pontes que permita a reconversión industrial e a creación de postos de traballo.
EuropaPress_3365944_encuentro_representantes_bng_coordinadora_industrias_auxiliares
Rego mantivo unha reunión con representantes do sector. (Foto: Europa Press)

O persoal das empresas auxiliares da central térmica de Endesa nas Pontes queren que a actividade se manteña mentres continúen as probas con biocombustíbeis. E demandan que, mentres non haxa unha solución definitiva para a industria na comarca, se manteñan todos os postos de emprego na compañía enerxética e mais nas propias auxiliares.

Así llo trasladaron á delegación do BNG que se desprazou até o municipio das Pontes para coñecer as súas reclamacións. O portavoz nacionalista no Congreso, Néstor Rego, a deputada Noa Presas, o deputado Mon Fernández e mais a portavoz municipal nas Pontes, Silvia Pardo, reuníronse hoxe pola mañá con representantes destas empresas.

O persoal asegurou que as probas de biocombustíbeis son viábeis desde o punto de vista técnico, ambiental e económico. Á espera de que o certifiquen os informes, reiteran que a actividade debe continuar.

Propostas no Congreso e no Parlamento galego

Néstor Rego informou os traballadores e traballadoras das iniciativas presentadas polo BNG tanto no Parlamento da Galiza como no propio Congreso. No primeiro, Rego ten rexistrado unha Proposición Non de Lei (PNL) pendente de debate na comisión de industria, comercio e turismo na liña de garantir unha transición á comarca compatíbel co mantemento do emprego na mesma.

A maiores, rexistrou outra PNL para impulsar a constitución e convocatoria da Mesa das Auxiliares das Pontes e que se asuma o compromiso de manter o emprego dos máis de 200 traballadores e traballadoras da industria auxiliar.

Pola súa banda, Noa Presas e Mon Fernández anunciaron que reclamarán no Parlamento da Galiza a implicación activa da Administración galega nunha solución de continuidade para a actividade económica das Pontes.

Ademais, solicitarán os permisos para a creación do solo industrial suficiente que permita a instalación de novas empresas e a creación de postos de traballo.

comentarios