O persoal de Alcoa segue adiante coas mobilizacións

A reunión coa ministra de Industria non serve para avanzar na confección dun novo marco tarifario que faga viábel a produción de aluminio na Galiza.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou a planta de Alcoa San Cibra onde estivo acompañado pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Alcoa San Cibrao, San Cibrao (Lugo), 8 de outubro de 2019
photo_camera [Imaxe: Xunta] A ministra de Industria, Reyes Maroto, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante a visita ás instalacións de Alcoa en San Cibrao.

De pouco serviu a visita da ministra de Industria, Reyes Maroto, esta terza feira á planta de Alcoa en San Cibrao. As traballadoras e traballadores da factoría de aluminio da Mariña seguirán adiante co seu calendario de mobilizacións, xa que entenden que ao prezo actual da enerxía a produción de aluminio é inviábel.

Segundo indica o comité, nun comunicado tras a reunión que mantiveron coa titular de Industria, a solución para ter un marco tarifario estábel que poña en igualdade de condicións Galiza coas demais industrias de aluminio europeas “dista moito de estar garantida”.

Neste senso, o comité apunta que a ministra trasladou que estando o Goberno español en funcións non podía aprobar o estatuto para as industrias electrointensivas, a pesar de entender a urxencia da cuestión.

Pagos antes de final de ano

Maroto tamén lles confirmou que a semana que vén se aprobará no Consello de Ministras a ampliación de crédito para aboar a compensación por C02 ao máximo permitido pola UE para as empresas que o solicitaron, e que a partir dese momento se comezará cos pagos, que se farán efectivos antes de final de ano.

No 2020, informou, ten solicitado unha nova poxa de interrompibilidade en condicións idénticas á do segundo semestre do 2019, prórroga que se está negociando coas autoridades da Unión Europea.

Comentarios