Persoal acorda en asemblea desconvocar a folga tras chegar a un acordo con Einsa

O acordo acodouse tras 25 días de folga e constantes mobilizacións
Asemblea de traballadores e traballadoras de Einsa
photo_camera Asemblea de traballadores e traballadoras de Einsa

O Comité de Folga e a representación de Einsa Print chegaban a un acordo no AGA tras dunha xuntanza que se prolongou desde as doce do mediodía até as tres da madrugada. As traballadoras e traballadores ratificábanoen asemblea e decidían desconvocar a folga indefinida, que comezou hai xa 25 días. A CIG valórao moi positivamente porque “supón minimizar o impacto da reforma laboral” e considera que foi posíbel grazas á “loita exemplar”dos traballadores e traballadoras.

Entre os acordos acadados, Alberte Amado, membro do comité de empresa e secretario da Unión Local da CIG de As Pontes, salienta que os 26 despedidos/as poderán volver á empresa cambiando o tipo de contrato que tiñan e pasando a unha xornada de 936 horas. Ademais acórdase que en caso de despedimento non se lle aplicará a redución salarial acordada e terán unha indemnización de 20 días por ano traballado, sen perder a parte proporcional da xornada que se lle reduce.

Deste persoal, que non queira volver á empresa terá unha indemnización de 30 días por ano traballado.

Xunto a isto conséguese limitar do 12%, que era a pretensión inicial da empresa, ao 6% como moito, a redución de salario fixo. Ademais, acórdase que, a partir do 31 de decembro de 2013 recuperarase o 25% da cantidade reducida de salario fixo e a partir de aí poderase seguir recuperando até o tope que se perde, se os resultados antes de impostos das contas auditadas acadan os obxectivos estabelecidosno .

Estabélecese ademais que, en caso de baixada da produción, desde agora e até xaneiro de 2013, aplicarase un ERE suspensivo para evitar despedimentos.

Tamén se acordou, verbalmente, que a empresa desiste de todas as demandas que tiña interposto, nomeadamente a reclamación de máis de 600.000 euros de indemnización ao comité de folga, por suposta folga “ilegal” e “abusiva”.

Amado considera que para a CIG é un resultado “moi positivo”, xa que malia ter a empresa a lexislación ao seu favor, conseguiuse minimizar o impacto da reforma laboral. Salienta especialmente o acordo acadado canto á redución salarial e afirma que nunca tería sido posíbel se non fora pola “loita exemplar” que mantiveron as traballadoras e traballadores.

Comentarios