Perdas millonarias nos viñedos galegos polas xeadas

A Asociación galega de viticultura (AGV) pide unha reunión “urxente” da Consellaría coas organizacións agrarias e UUAA cifra as perdas en máis de 72 millóns de euros insta os concellos afectados a pedir a declaración de desastre natural.

Viñedos de casal de Armán. Foto: Casal de Armán
photo_camera Foto: Casal de Armán

As xeadas destas noites causaron importantes danos nos viñedos de denominacións de orixe como Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra e Ribeiro, provocando graves perdas económicas. Desde a Asociación galega de viticultura (AGV) ínstase á Consellaría de Medio Rural a se reunir con carácter de urxencia coas organizacións agrarias para avaliar os danos sufridos, as zonas afectadas e estudar posíbeis liñas de axudas.

Desde UUAA fálase de perdas millonarias no sector vitivinícola por mor destas xeadas, por volta de 72 millóns de euros. Calculan que se estragaron máis de 16 millóns de quilogramos de uva. Unha situación que afecta ás denominacións de orixe das zonas de Lugo e Ourense, nomeadamente a de Monterrei e Valdeorras, onde a incidencia foi de máis do 95% no primeiro caso e por volta do 80% no segundo. Esta organización solicita aos concellos das zonas afectadas por estas xeadas que pidan a declaración de desastre natural.

Xeadas que se suman á seca

As xeadas destas noitas veñen a se sumar á problemática que no agro padecen froito dunha seca prolongada após un inverno e primavera con choivas máis que escasas. Que se suman a un verán, o de 2016, que foi moin duro neste sentido. A seca abafou o campo. O mes de xullo foi o máis seco en Galiza desde 1.873. Naquela altura xa había unha perda do 50% na produción de millo , a principal especie cultivada no país, e perdas por riba dos 50 millóns de euros. A produción anual de millo forraxeiro (somos os principais produtores do estado, unhas 70.000 hectáreas cultivadas) sufriu, logo, unha perda considerábel. E os meses seguintes non foron mellores. .

Mais as perdas non se limitan ao sector gandeiro. A horta tamén sofre. Da faba de Lourenzá até a pataca, pasando polos grelos... Todos eles rexistran mermas na produción (e, xa que logo, perdas económicas para os produtores) por mor de meses de clima inusual.

Comentarios