A perda media por lucro cesante nas explotacións afectadas pola corentena da couza guatemalteca é duns 8.000 euros por hectárea

O SLG pide que as indemnizacións aos produtores afectados por esta praga cubran o lucro cesante.

pataca
photo_camera pataca

Na área afectada pola prohibición de cultivar e vender patacas pola couza guatemalteca, a produción media nas explotacións que cultivan este tubérculo para a súa venda é de 25.000 quilogramos por hectárea. Unha cantidade cuxa venda reportaría uns ingresos de perto de 12.000 euros, aos que restados os custos de produción deixaría uns 8.000 euros por hectárea. Ese é o cálculo do lucro cesante por hectárea que fai o Sindicato Labrego galego (SLG) en base á información dos produtores afectados.

A organización insta a Consellaría de Medio Rural a que á hora de fixar as indemnizacións teña en conta tamén este aspecto do lucro cesante para estas explotacións “Trátase de explotacións de horta ou mixtas que dedican unha considerable superficie cada ano á plantación de pataca para a súa venda directa ou a almacenistas que, por mor das restricións impostas pola Consellaría de Medio Rural, terán cuantiosas perdas este ano ao non poder cultivar”.

O Sindicato Labrego Galego aponta que que a prohibición de plantar fíxose “dunha maneira precipitada e a última hora”, pois afirma que a Consellaría de Medio Rural tivo toda a información e datos precisos para tomar a decisión “entre outubro e novembro”. Porén, impuxo as restricións “ en plena época de plantación, polo que agora case non hai marxe de manobra para substituír os cultivos por outros e planificar unha nova campaña”.

O Real Decreto 197/2017, aprobado polo goberno español a comezos de marzo e polo que se estabelece o programa estatal de control e erradicación da ‘Tacia solanivora’, ou praga guatemalteca da pataca, que afecta 31 concellos da Galiza, non convenceu a moitos, entre eles a Fruga. A Federación rural galega advertía entón que da norma desprendíase que as persoas que aínda non plantaron as patacas van ficar sen indemnización durante os 2 anos da prohibición e aquelas que si plantaron (e que agora teñen a obriga de as destruír) só van recibir unha compensación polo tubérculo destruído. Ou sexa, explicaba a organización, as axudas non contemplan o lucro cesante.

Comentarios