Percorrer a AP-9 é 40% mais caro que no inicio da década

Nese mesmo período a empresa obtivo beneficios que abeiraron os 500 millóns de euros.

peaxe
photo_camera peaxe

Ir de Compostela a Madrid por vías de alta capacidade (A-8, despois A-6 e Ap-6) permite percorrer máis de 500 quilómetros cun custo en peaxes para o peto do conductor de menos de 13 euros (portaxe de Adanero, na entrada a Madrid). Porén, percorrer os 200 quilómetros entre Ferrol e Tui pola AP-9 vai supor perto de 21 euros en peaxes após a nova suba de 1,9% aprobada esta sexta feira polo Consello de Ministros. En 2010 apenas era de 14,5 euros. Suba de máis de 40%. Neste mesmo período, entre 2010 e 2018, os beneficios obtidos pola concesionaria da Autopista do Atlántico abeiraron os 500millóns de euros.

O novo incremento aprobado polo Consello de Ministros farase efectivo en breve. O ano arrancou cunha suba de Audasa nas peaxes da AP9 (en xaneiro, suba de 1,9%) e vai finalizar do mesmo xeito, cunha alfombras vermellas para unha nova alza nas tarifas para a concesionaria da Autopista do Atlántico. Un 1% para compensar polas obras en Rande e circunvalación de Compostela e outro tanto, 1%, polas bonificacións nos traxectos entre Pontevedra e Vigo.

Este aumento na AP-9 contrasta coa decisión do goberno español de ir eliminando progresivamente peaxes en diversas autoestradas no Estado español. Un plan que afecta a tres vías: AP-1 entre Burgos e Armiñón, AP-7 entre Alicante e Tarragona e AP-4 entre Sevilla e Cádiz; cuxas concesións acaban en 2018 e 2019.

Comentarios