Os recortes do PP abocan milleiros de pensionistas á exclusión social

A decisión do goberno español de non actualizar as pensións provocará aos e ás pensionistas unha diminución considerábel nos seus ingresos, de entre 140 e 400 euros. Máis nun país, Galiza,  que con 701 euros de pensión media, mantense como furgón de cola do Estado español. En Galiza hai 736.000 pensionistas. 
pensionistas
photo_camera pensionistas

O goberno español decidiu non actualizar as pensións, nunha medida que vai afectar de forma moi directa, e negativa, a oito millóns de habitantes do estado. Deles, perto de 736.000 na Galiza. O presidente do executivo central, Mariano Rajoy, argumentou a decisión decindo que viña "imposta pola realidade" económica. Mais, cal é a realidade d@s pensionistas galegos.

Galiza, con 700 euros, mantén as pensións máis baixas do estado, con 135 menos que a media, segundo datos do Instituto Nacional de la Seguridad Social. Unha cifra xa pequena que agora vai sufrir, coa non actualización, unha tesoirada considerábel. Os cálculos apuntan que cada pensionista galego perderá en 2013 por mor da decisión do Partido Popular uns 160 euros. Mais outros cálculos sinalan que a perda vai ser moito maior, pois contempla as perdas nas pagas compensatorias, e falan duns 400 euros menos que cobrarán en 2013 os pensionistas do estado.

Galiza, con 700 euros, mantén as pensións máis baixas do estado, con 135 menos que a media

Exclusión e feminización da pobreza

En non poucos fogares galegos, o impacto da crise foi tal que a única vía de ingresos que queda é a paga dos vellos. Ese ingreso medio na Galiza de 700 euros cos cales ten que sobrevivir toda unha familia. Os datos do Instituto Galego de Estatística indicaba que en 2010, no 40% dos fogares da Galiza a principal vía de ingresos procedía dunha prestación. E nesta categoría, a dos pensionistas é das principais.

 As pensións están a servir como a única vía de entrada de ingresos en moitos fogares; e nun país onde o 23,7% da poboación está por baixo dos niveis de pobreza

Así pois, a non actualización nas pensións (subirán un 1%, un 2% para as de menos de mil euros, mentres o IPC roza o tres) supón, de facto, condenar á pobreza unha parte importante da sociedade. E non hai que esquecer que a pensión media das mulleres é, no Estado español, un 40% máis baixa que a dos homes.

Oposición frontal 

En CCOO xa anunciaron que van solicitar ao Defensor do Pobo que presente recurso de incustitucionalidade contra a medida do goberno español. Na CIG  lembran que o PP ocultou a decisión para non entorpecer os seus intereses electorais e sinalan que as pensións están a servir como a única vía de entrada de ingresos en moitos fogares. “Se hoxe non existisen as pensións, moitos fogares non terían outra vía de sustento”. 

As altas cifras de desemprego, e o feito de que o 23,7% da poboación en Galiza estea por debaixo dos niveis de pobreza (662.000 persoas), segundo os datos que se tiran do informe elaborado pola Rede Europea contra a Pobreza (EAPN); permiten se facer unha idea do impacto que a nivel social vai ter a tesoirada nas pensións.

Comentarios