Miren Etxezarreta

“As pensións teñen que pagarse con impostos xerais”

A economista Miren Etxezarreta (Gipuzkoa, 1936), profesora da Universitat de Barcelona, actualmente xubilada, vén de visitar Galiza para participar nas xornadas convocadas por GUE/NGL e promovidas pola eurodeputada Lídia Senra “O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa”. Eis un extracto da entrevista publicada no número 316 de Sermos Galiza.

Miren

5Comezamos polo título da súa intervención nas xornadas organizadas por GUE/NGL, “Reparto ou capitalización”. Que hai que facer para garantir as pensións públicas?

A recapitalización non ten nada que facer, é fraudulenta. Entón o sistema ten que ser de reparto, mais non só reparto, porque con reparto hai problemas financeiros. Ten que ser reparto e fiscalización, é dicir, ten que pagarse o que faga falta con impostos. As pensións teñen que pagarse como todos os demais dereitos da cidadanía, con impostos xerais. Creo que hai que revisar totalmente o sistema de pensións e financialas como se financian todo tipo de gastos colectivos nun país, como se financian as estradas, as escolas, a sanidade… por que non financiar as pensións do mesmo xeito?

E por que non se fixo até o de agora?

Porque non hai vontade para o facer. Hai razóns moi potentes desde o sistema financeiro que queren absorber os fondos que se manexan para pensións, o mesmo que queren absorber os fondos que se manexan para a sanidade e para a educación. Queren privatizalo todo e queren privatizar as pensións tamén.

Amósase crítica co feito de que no actual sistema de pensións só as persoas traballadoras paguen as pensións.

Eu digo que por que teñen que ser só os traballadores. Por que non pode ser a poboación no seu conxunto? Calquera outro gasto social, pensa no Exército, na Casa Real, as infraestruturas… todo se paga con impostos. Por que non se pagan as pensións tamén? É porque historicamente se empezaron a pagar con cotizacións mais ese é un sistema que agora, como os salarios son baixos e ademais son precarios, non chega. Se os salarios fosen decentes, chegarían. As pensións non teñen que financialas só os traballadores. Non hai ningunha razón para iso. Por esa regra de tres, a Coroa terían que pagala só os monárquicos e o Exército, os coroneis. As pensións son un dereito social. Como son un dereito social, manter os anciáns é un gasto colectivo como as estradas, xa por non falar do Exército…

Hai que desvincular os dereitos sociais do traballo?

Hai que facelo gradualmente, porque agora é moi prematuro. De cara ao futuro, vai ser imprescindíbel porque cada día hai menos postos de traballo. De feito, no futuro haberá xente que non traballe nunca. As amas de casa traballan moitísimo mais non o fan como asalariadas.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 316 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios