As pensións medran na Galiza en xaneiro mais seguen á cola do Estado

A pensión media na Galiza subiu en xaneiro un 3,27%, até os 874,69 euros.
As pensións galegas seguen entre as máis baixas do Estado español (Foto: Europa Press).
photo_camera As pensións galegas seguen entre as máis baixas do Estado español (Foto: Europa Press).

A pensión media na Galiza subiu en xaneiro un 3,27% até os 874,69 euros, pero aínda está lonxe da media nacional, que se situou en 1.028,19 euros. Así se desprende dos datos difundidos hoxe polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, que eleva o número de pensionistas a 765.880, o que representa 0,18% máis que hai un ano. 

Por tipos de pensións, 480.700 galegos e galegas percibiron prestacións de xubilación, cun importe medio de 995,96 euros, as segundas máis baixas do Estado español, só superadas polas de Estremadura.

Así mesmo, un total de 69.695 persoas percibiron unha pensión por incapacidade permanente que, de media, situouse en 900,43 euros, a terceira cifra máis reducida a nivel estatal, novamente superada por de Estremadura e tamén por Murcia.

Porén, na de viuvez, con 185.481 persoas beneficiarias na Galiza, situáronse de media nos 621,43 euros, a mínima do Estado español.

No que atinxe ás pensións de orfandade, que benefician 23.350 persoas no país, a contía media ascendeu a 410,36 euros, unha cifra que se situou ao redor da media nacional.

Pola súa banda, 6.654 galegos e galegas ingresaron 532,95 euros en favor de familiares, unha cantidade que neste caso sitúase por debaixo da media.

Por último, un total de 224.940 persoas recibiron unha pensión con complemento a mínimos na Galiza, os que representa 29,4% do total das persoas perceptoras rexistradas no país.

Dato histórico

A nivel nacional, a Seguridade Social destinou neste mes de xaneiro a cifra récord de 10.087,7 millóns de euros ao pagamento de pensións contributivas, 3,2% máis que no mesmo mes de 2020. É a primeira vez que o monto para prestacións supera os 10.000 millóns de euros.

A nómina de xaneiro inclúe a subida do 0,9% aplicada desde o día 1 ás pensións contributivas e recollida nos Orzamentos Xerais do Estado deste ano.

O Ministerio lembra que ao facer a comparación con xaneiro de 2020 debe terse en conta que naquel mes aínda non se aplicara a revalorización das pensións prevista para o devandito exercicio. De feito, a suba das pensións de 2020 aplicouse no mes de febreiro, co correspondente aboamento dos atrasos.

Comentarios