As pensións galegas seguen á cola do Estado mentres medran os pensionistas

Con 879,9 euros son 153,4 euros inferiores á pensión media estatal.
O número de pensionistas medra na Galiza pero as pensións seguen entre as máis baixas do Estado español (Foto: Xoán Roberes)
photo_camera O número de pensionistas medra na Galiza pero as pensións seguen entre as máis baixas do Estado español (Foto: Xoán Roberes)

As pensións galegas seguen un mes máis como as segundas máis baixas do Estado español, só por riba das de Estremadura.

Segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións publicados hoxe, a pensión media situouse en maio nos 878,9 euros na Galiza, o que supón oito céntimos máis respecto ao dato do mes de abril e un 2,73% máis se se compara cos datos do mesmo mes de 2020.

Este avance interanual foi lixeiramente superior ao rexistrado na media de territorios do Estado español (2,2%). Con todo, o importe medio das pensións galegas aínda está moi lonxe de equipararse coa media estatal, que se situou nos 1.032,3 euros, o que supón unha diferenza de 153,4 euros. E de comparala coas máis altas, as de Euskadi (1.281 euros), as persoas pensionistas vascas cobran de media 45% máis que as galegas.

Segundo o economista e sindicalista Xabier Pérez Davila, a situación das pensións na Galiza está "cronificada", xa que os salarios galegos tamén figuran entre os máis baixos do Estado español. "Se os salarios son baixos, as pensións futuras, na medida en que se calculan sobre a base de cotización que depende do salario, continuarán a ser as máis baixas", indica.

"Se queremos que as pensións galegas non queden por baixo da media estatal, o que precisamos é a creación de emprego de calidade e tamén outra política económica", argumenta.

Neste senso, explica a Nós Diario que para saír desta "senda de devalo" precisamos unha política económica activa por parte das Administracións, con políticas públicas de investimento en actividades produtivas de bens e servizos "social e ecoloxicamente útiles para crear postos de traballo de calidade e fixar poboación", dous eixos nos que, segundo Pérez Davila, Feixoo "non ten de que gabarse" en vista ao que pasou coa demografía galega desde que goberna o PP e co peso da economía galega no Estado español.

Medran as pensionistas

A realidade é que a 1 de maio Galiza tiña 765.291 pensionistas, o que supón preto de 1.800 máis que un ano antes. 

Por tipoloxía, as máis numerosas foron as pensións de xubilación, con 480.269 persoas beneficiarias, que tamén son as segundas máis baixas do Estado español após as de Estremadura, mais neste caso a diferenza coa media de territorios elévase até os 185 euros.

As pensións de xubilación galegas son 185 euros inferiores á media estatal

As persoas xubiladas galegas cobraron en maio 1.001,91 euros, fronte aos 1.187,8 euros da media estatal, e 456 euros por debaixo das que perciben os e as xubiladas de Euskadi (1.457,69), que neste capítulo tamén presentan a cifra máis alta entre territorios.

Xunto a elas, 69.949 persoas percibiron unha pensión por incapacidade permanente na Galiza, que, de media, ascendeu a 901,7 euros. 

Tamén 185.527 persoas percibiron unha pensión por viuvez, cuxa contía se sitúa de media nos 623,79 euros; e 23.501, unha prestación por orfandade, que quedou en 410,3 euros de media. 

Así mesmo, contabilizáronse un total de 6.675 persoas que percibiron unha prestación en favor de familiares na Galiza, cun importe medio que ascendeu a 534,3 euros.

Comentarios