As pensións galegas, baixo mínimos

Un de cada dous xubilados cobra unha pensión inferior ao salario mínimo.  

pobreza

Un de cada dous xubilados galegos teñen unha pensión que non chega a atinxir o SMI, o salario mínimo. O que significa que hai 256.000 pensionistas que cobran menos de 655 euros ao mes. Unha porcentaxe moi superior á media española, onde 'só' o 39,3% destas pensións fican por baixo do SMI, 15 puntos menos (na Galiza é o 55%). Non é a única diferenza de comparar Galiza e España. Mentres o 21% das pensións de xubilación españolas se enmarcan no tramo entre os 655 e os 1.000 euros apenas o 18% das galegas se moven nese nivel.

Mais a fenda é maior se imos ao tramo das pensións entre 1.000 e 2.000 euros. Case 3 de cada 10 xubilados españois (en conreto o 27,8%) cobran estas prestacións. Na Galiza tan só o 19% (9 puntos menos que a media do Estado) dos pensionistas gozan de xubilacións por esa cuantía. E con pensións por riba dos 2.000 euros? Pois o 11,7% dos xubilados españois gozan desas prestacións mentres en Galiza a porcentaxe anda no 7,3%.

Segundo datos do IGE 303.666 fogares galegos teñen como sustentador principal a persoas de máis de 65 anos. En 5 anos, de 2011 a 2015, as pensións menores de 1.000 euros só gañaron un 0,1%, practicamente estabilizáronse, e as de maior contía perderon un 3,8% do seu poder adquisitivo.

Comentarios