Pemex volve deixar Feijóo en evidencia e demora até novembro a adxudicación dos floteis

Feijóo comprometeunos para o primeiro trimestre de 2013 dando sempre por feito que virían para a Galiza, mais a petroleira deixa claro nun comunicado que os estaleiros galegos compiten con outros nunha licitación pública internacional.


A petroleira Pemex non adxudicará até o mes de novembro a construción dos floteis que nun primeiro momento fora fixada para o 18 de setembro e que Feijóo comprometera para o primeiro trimestre de 2013. Segundo o presidente da Xunta, a operación negociada coa empresa mexicana carrexaría 300 millóns de euros para construír dous buques-hotel, dando emprego a 3.000 persoas durante dous anos.

Os estaleiros de Navantia e Barreras, que concorren xuntas á licitación internacional canda PMI --filial internacional de Pemex--, non recibiron aínda noticia ningunha deses contratos. Di a petroleira que os "factores principais" que vai tomar en conta á hora de adxudicalos son "o custo e a eficiencia que mostren os proxectos das empresas candidatas". 

Aliás, acrecenta o comunicado enviado á imprensa que a construción de floteis deriva da necesidade da compañía "de albergar as máis de 17.000 persoas que están a realizar traballos de explotación de xacementos no mar". A decisión de lanzar unha licitación pública a nivel internacional foi tomada no Consello de administración de Pemex após un estudo de mercado. 

Cómpre lembrar que a Xunta deu sempre por feito que os floteis virían para a Galiza e que se construirían nos estaleiros das rías de Ferrol e Vigo. Aínda así, se ben na campaña cara aos comicios do 21 de outubro de 2012 ratificou a vixencia dos contratos asinados, nunca os ensinou e no seu programa eleitoral recoñecía que a construción dos floteis aínda estaba a ser negociada con Pemex.

A empresa mexicana chegou a denunciar "intereses electorais da Xunta", recalcando que non había riba da mesa ningunha decisión tomada en firme. Após case un ano, os contratos non foron adxudicados aínda.

Comentarios