Pemex promete agora a construción de cinco buques no estaleiro de Barreras

Directivos de Pemex visitaron o estaleiro vigués Barreras e prometeron carga de traballo "para máis de dous anos" coa construción dun atuneiro, tres buques tanque e cadanseu flotel para Vigo e Fene. 

Pemex grande
photo_camera Unha delegación de Pemex visita Barreras [Imaxe: Xunta]

Após facérense co 51% do accionariado de Barreras, unha delegación de Pemex encabezada polo seu coordenador de asesores, Carlos Roa, visitou esta segunda feira as instalacións do estaleiro en Vigo. Na súa xuntanza coa dirección de Barreras, o directivo da para-estatal mexicana comprometeuse a xerar carga de traballo en Vigo "para máis de dous anos" através da construción de cinco buques o vindeiro ano. 

Segundo anunciou Roa, Pemex tería pechado xa un acordo para a construción en Vigo de "cando menos" tres buques-tanque e teríanse encetado conversas para a encomenda doutros tres grandes barcos no estaleiro de Barreras que poderían fecharse no primeiro trimestre de 2014. Con estes acordos, o plantel do estaleiro vigués contaría con carga de traballo por máis de dous anos, segundo afirmou o representante da petroleira mexicana. 

Os floteis de Pemex

A respeito dos floteis que foran anunciados por Alberto Núñez Feijóo en campaña electoral e que serán obxecto dunha adxudicación por parte da paraestatal, Carlos Roa explicou que PMI se atopa actualmente no segundo lugar no tocante á parte financeira do concurso e amosouse certo de que a parte técnica obterá tamén bos resultados.

Se for así, Roa comprometeuse a construír un flotel en Barreras e outro en Navantia. Mais se en troca, da licitación, PMI só obtivese un flotel, este será construído en Barreras, estaleiro do que agora a filial de Pemex é o accionista maioritario. Porén, asegurou, "coido que coa calidade e o prezo [da oferta presentada] teremos os dous barcos". 

A delegación comprometeuse a encargar a construción dun flotel en Navantia-Fene se conseguen a licitación de PMI

As promesas chegadas desde Mexico supoñen osíxeno para o cadro de persoal de Barreras que vai xa para dous anos e medio (30 meses) sen carga de traballo. Aliás, @s traballador@s están atinxid@s por un ERE. Neste senso, o presidente executivo do estaleiro vigués e propietario do 24,5% do accionariado, José García Costas, instou ao persoal a se sentiren "orgullosos" da sinatura dos contratos cos agora socios mexicanos porque, dixo, son "un activo moi importante" da empresa. 

Asemade, bateu contra aquelas persoas que "puxeron en dúbida" as promesas de carga de traballo e loou o papel da Xunta de Galiza da que dixo sentir un "eterno agradecemento" por se "involucrar" en Barreras para resolver a súa má situación financeira. Cumpre lembrar que o estaleiro vigués entrou en concurso de acredores. 

Un novo estaleiro en Mexico

A entrada da mexicana Pemex no capital de Barreras suporá tamén a construción dun outro estaleiro en Mexico --para o que xa se barallan dúas posíbeis localizacións. Esta nova construción podería supor, sinalan desde a paraestatal mexicana, o traslado de persoal de Vigo a México e "de alá para acá" mais desbotou que isto for significar a deslocación de Barreras. "Non ten sentido perder esta grande base", apuntou Carlos Roa, ao tempo que sinalou que o obxectivo é "partillar tecnoloxía e coñecemento". 

Pemex construirá un outro estaleiro en Mexico ao que poderían dirixir persoal cualificado de Vigo, e viceversa

Desde o goberno galego apuraron a valoración dos anuncios coñecidos esta segunda feira. Alberto Núñez Feijóo valorou positivamente os "compromisos de Pemex para xerar carga de traballo no naval" e aproveitou a ocasión para gabar tamén o presidente do executivo español, Mariano Rajoy, de quen dixo recoñecer o seu "esforzo, dedicación e tutela". 

De maneira menos pomposa que en ocasións anteriores --nomeadamente en campaña electoral-- Núñez Feijóo tildou de "grande acerto" o acordo entre Barreras e Pemex, ao tempo que dixo este situa a Galiza como "a grande ponte de entrada entre América e Europa, entre Mexico e España". 

Comentarios