Pemex: “O noso obxectivo é transferir o coñecemento tecnolóxico de Barreras a México”

A para-estatal merca o 51% do estaleiro vigués e fai unha achega de capital de 10 millóns de euros. En troca, recoñece que se fará co 'saber facer' da factoría galega para revertelo no país azteca

Barreras
photo_camera Barreras

Feijóo foi a México por dous floteis para Galiza e Galiza fica sen o control do seu maior estaleiro da Ría de Vigo, Barreras. Pemex faise co 51% das accións da factoría naval (aínda convalecente do concurso de acredores) e realiza unha achega de capital por importe de 10 millóns de euros.

Pemex coloca en Vigo a primeira peza para resucitar o sector naval mexicano

No seu comunicado oficial, Petróleos Mexicanos afirma textualmente: “O obxectivo que persegue PEMEX, a través do vehículo de investimento seleccionado, é transferir a medio prazo o coñecemento tecnolóxico de HJB para crear capacidade construtora de buques especializados en México, a fin de poder atender a demanda de PEMEX.”.

Resucitar o naval azteca

México sempre deveceu pola resurección do seu sector naval. No país azteca laiábanse de que os buques que mandaba construír Pemex non se fixesen en México. Mais non era posíbel pois non tiñan o coñecemento, o saber facer preciso, para levar a cabo a tarefa de construír este tipo de buques. Precisamente o que si ten o naval galego, onde Pemex acaba de adquirir (aproveitando as súas dificultades) unha das xoias da súa coroa: Barreras.

En Ferrol, aliás, medra o temor a que este paso de Pemex implique que vaia construir os seus dous floteis en Vigo, e non un deles en Ferrol, como a Xunta anunciara nun principio. O naval de Trasancos está, como denuncian os sindicatos, nas últimas e con perda de milleiros de empregos nestes últimos meses por mor da falla de carga de traballo.

Capitalismo

Até o de agora,só desde o nacionalismo se fai fronte a esta compra de Barreras. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, mesmo ironizou o decir que Feijóo e o PP "están a facer máis por acabar co capitalismo na Galiza que todos os comunistas xuntos".

Desde Anova sinalan que coa entrada de Pemex en Barreras "continúa a desposesión do aparello produtivo galego a cambio dunha máis que dubidosa carga de traballo temporal". 

Comentarios