Pemex complica o acordo para salvar Barreras

Cando todo parecía encarrilado para que Ritz-Carlton garantise o futuro, cando menos a curto prazo, do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, a mexicana Pemex abre unha fenda no acordo polos riscos que lle podería carrexar renunciar aos seus dereitos políticos na sociedade.
Rótulo Barreras (Europa Press).
photo_camera Cartel no estaleiro Barreras (Europa Press).

Todo parecía encamiñado para que as traballadoras do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras visen a luz ao final do túnel, pero un cambio de timón de última hora pode complicar o futuro da empresa, que ten de prazo até 2 de febreiro para chegar a un acordo cos seus provedores para evitar a entrada en concurso de acredores.

 Desta vez os problemas non veñen da man de Ritz-Carlton, senón de PMI, a filial da petroleira mexicana Pemex, que controla 51% do capital da sociedade. Hai unhas semanas dábase por feito o acordo para a toma de control do estaleiro por parte da compañía estadounidense, que, co apoio da banca e Cesce, pasaría a controlar 75% dos dereitos políticos, correspondentes as participacións de PMI e o grupo Albacora, posuidor doutro 24%, a cambio de asumir o sobrecusto do cruceiro Evrima (ascende a uns 50 millóns de euros),  ademais de comprometer a execución dun segundo buque nas instalacións do estaleiro vigués. Os contratos con Havila e Armas quedaban sen efecto. 

As dúbidas de Pemex

O problema ven precisamente porque PMI cede os dereitos, pero non as posíbeis responsabilidades na rescisión dos acordos coas outras navieiras, o que podería agravar aínda máis a xa delicada situación do grupo petroleiro mexicano, en situación de quebra técnica. De aí que teña as súas reticencias para ratificar o acordo até que obteña algún tipo de garantía de Ritz-Carlton ou do Goberno galego. Da proposta da industria auxiliar afectada pola crise do estaleiro, que a finais de outubro decidiu de forma unánime "dar un paso adiante" para desbloquear a situación nada se volveu saber. A súa intención era constituír unha sociedade conxunta para poder negociar con Pemex, o accionista maioritario, a toma de control do estaleiro. mais a mexicana optou por Ritz-Carlton para darlle a volta a situación e evitar chegar ao concurso de acredores. 

Para gañar tempo, o estaleiro presentou en outubro o preconcurso. A finais do ano anunciou o acordo con Ritz-Carlton, que permitiu que as traballadoras retomasen a actividade a principios de este mes, ás que se poden sumar nos próximos días as das empresas auxiliares se non hai cambio de rumbo nos plans da compañía. Para iso, Ritz Carlton debe asumir efectivamente a xestión e nomear unha directiva que presente un plan de viabilidade e que negocie as débedas cos acredores se non queren engadir máis incerteza ao futuro do estaleiro e das súas traballadoras.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios