Pedro Rey e José Manuel Díaz, candidatos a presidir a Confederación de Empresarios da Galiza

Son as primeiras candidaturas que se formalizaron para liderar a CEG. O futuro responsábel da patronal galega sairá da asemblea xeral electoral do 24 de novembro.

EuropaPress_3423430_jose_manuel_diaz_barreiros_formaliza_candidatura_presidencia_ceg
photo_camera José Manuel Díaz formalizou hoxe a súa candidatura. (Foto: CEO)

A patronal galega está próxima a acadar un liderado após a confirmación de dúas candidaturas á presidencia. Tras anos de movementos, Pedro Rey Vera foi o primeiro en dar un paso adiante, que esta terza feira foi seguido polo ourensán José Manuel Díaz Barreiros.

Rey vera é vogal da Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) por Cecap-Galiza e preside o grupo Centro de Iniciativas Profesionales. Así mesmo, este candidato foi socio fundador da primeira universidade privada en liña do Estado, coñecida como Udima.

Após tomar esta decisión desde a área viguesa da patronal, o ourensán José Manuel Díaz Barreiros confirmou que tamén estará na carreira tal e como se especulaba hai días.

O empresario pertence ao comité executivo e á directiva da CEG e xa exerceu a vicepresidencia da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) co anterior presidente da organización, o finado José Manuel Pérez Canal.

Tamén destaca a súa titulación en Dereito e a súa traxectoria como xestor administrativo e procurador.

Acabar coa interinidade

Aínda hai marxe para recibir outras propostas, mais a resolución será o día 24 de novembro no decorrer da asemblea xeral electoral.

Polo menos iso é o que se agarda, se ben sempre se falou da existencia de tensións entre os diferentes territorios do país.

Dada esta situación, a patronal leva case tres anos sumida nun clima de interinidade. Houbo até dúas votacións para as que non había candidaturas e, debido á súa idade, até o de agora o líder da patronal coruñesa, Antonio Fontenla, foi o voceiro.

Comentarios