Pedro Figueroa é Director do Pont-Up Store

Pedro Figueroa: "O 55% dos proxectos de emprendemento están liderados por mulleres"

O Pont-Up Store é unha iniciativa aberta a toda a cidadanía cuxo obxectivo é o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade. Instalado desde o seu inicio en Pontevedra, este ano retomou a súa actividade incrementando a participación malia a pandemia.
O investigador e profesor da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa. (Foto: Pont-Up Store)
photo_camera O investigador e profesor da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa. (Foto: Pont-Up Store)

-Cal é a orixe da Pont-Up Store?

Naceu con motivo dun encontro internacional de emprendedoras e emprendedores de Portugal e da Galiza. Após esa xuntanza, fundamentalmente académica, concretamos unha iniciativa na procura de axudar as iniciativas emprendedoras reais, que xa están funcionando, aínda que leven poucos anos de vida. Coido que, daquela, acertamos e a proba está en que pasamos de ser un evento local, co apoio do Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, a abranguer toda a Galiza. Mesmo pensamos que nos vindeiros anos poderíamos chegar tamén ao norte de Portugal e o territorio que entendemos como 'Galiza irredenta'.

-De que maneira escollen os proxectos que participan nesta iniciativa?

Teñen que levar menos de dous anos e medio de funcionamento. É o momento crítico da maior parte das empresas por ter moitas dificultades para visualizarse e promocionarse. Nós facilitamos ese paso a través dun stand físico. Contamos con 36 postos e a participación, de media, sempre é grande mais este ano, após a suspensión do anterior, tivemos máis de catro por cada stand. Hai moita xente valente que aguantou a pandemia e mesmo algunha atrevida que montou a súa empresa no peor momento da Covid-19.

-Que significou a pandemia para o emprendemento empresarial galego? 

Son momentos difíciles e a xente pode pensar que se retrae. Mais o emprendemento é algo que xorde da xente e nos momentos complicados é onde se innova, onde se tenta ver as cousas desde outra perspectiva. Polo de agora non temos estudos do impacto que supuxo esta pandemia mais pola experiencia desta edición vemos que se segue emprendendo. Danos unha idea da vitalidade que ten o país.

-Que tipo de negocios se crearon na Galiza durante a pandemia?

Hai moita variedade. Somos unha feira multisectorial e temos representación de proxectos que van desde o téxtil e complementos até as tecnoloxías da información pasando polo mundo da comunicación, os videoxogos, a cultura e o turismo. Por sectores o máis presente é o téxtil. En todo caso hai unha serie de características en todas elas que deberiamos salientar: o 55% están lideradas por mulleres e o 40% ten a súa implantación no rural galego. Moitas veces cremos que o emprendemento está concentrado nas cidades e non é así. Outro dato importante é que case a totalidade das empresas e os seus produtos ou servizos teñen un compoñente dirixido ou pensado desde a sostibilidade ou ben esta característica figura na súa declaración de intencións. 

Vemos un fío común na base de todos os proxectos que é a tecnoloxía, especialmente todo o relativo ao comercio electrónico. É unha visión que transcende o local e procura o global. As empresas nacen de forma natural con vocación internacional, o mercado non é só o que ten ao seu carón. É un salto moi importante que se deu nos últimos anos.

Cando alguén se anima a emprender parte das súas afeccións, o seu coñecemento ou a súa experiencia. Despois temos exemplos de proxectos que naceron despois dun cambio na vida da persoa que os crea. Os perfís son moi variados.

-Ten algunha explicación a gran porcentaxe que teñen de emprendemento feminino?

Foi unha progresión desde o inicio. Hai tres edicións introducimos actividades formativas na propia feira que funcionan en paralelo á súa función de visibilizar os proxectos e interesounos centrar boa parte dos esforzos nos proxectos presentados por mulleres. A idea era crear cultura emprendedora.

-Teñen constancia estes anos de empresas que non conseguiron continuar traballando?

Nós seguimos en contacto con todos os proxectos que participaron desde a primeira edición. Antes da pandemia sabiamos que a desaparición destes proxectos non superaba o 10% de todos os que se presentaban. Esta boa cifra débese á peneira que realizabamos en función da súa viabilidade futura, o seu equipo e a innovación que introducían. Foi unha proba de que acertamos ao escollelos.

Despois da pandemia a cifra duplicouse mais aínda así estamos nuns números que sen crise seguirían a ser extraordinarios. Este mesmo ano pensamos crear unha asociación coa intención de fixar o seguemento e seguir axudando aos máis de 300 proxectos que pasaron pola feira ao longo de todos estes anos.

Innovación tecnolóxica na pandemia

O Pont-Up Store volveu mostrar a pasada fin de semana en Pontevedra a vitalidade do emprendemento galego. Entre as empresas presentes, 12 decidiron abrir as súas portas ou relanzar o seu negocio en plena crise da Covid-19. En total presentáronse 40 empresas, entre as que destacaron as de innovación tecnolóxica aplicada co obxectivo de resolver os problemas de espazo e mobilidade nas cidades, como Evourbe que presentou un sistema intelixente de xestión de aparcamento creado dar solucións ás cidades con moito tráfico.

Comentarios