Peches en bancos en protesta contra un rescate "contra @s traballador@s"

Afiliad@s da CIG levan a cabo peches en entidades bancarias de diversas cidades e vilas da Galiza para denunciar un rescate á banca que, apuntan, vai acabar pagando a cidadanía

Oficinas de entidades financeiras de Bankia ou Novagalicia Banca en diversas cidades e vilas do país foron ocupadas por afiliad@s a CIG, nunha protesta contra un rescate bancario que vai supor, sinalan desde o sindicato nacionalista, novos recortes e medidas de axustes para a cidadanía. "Mans arriba, isto é un rescate" foi un dos lemas coreados no interior das sedes bancarias, así como "cartos d@s banqueir@s para soldo d@s obreir@s". Na protesta de Compostela, vari@s d@s pechad@s ían co recoñecíbel uniforme de pres@ popularizado polo cine (a franxas brancas e negras), o que acentuaba aínda máis o lema, tamén coreado no interior das entidades de "som@ pres@s do capital".

En Compostela, o secretario comarcal da CIG, Anxo Noceda, explicou que con estes actos a CIG pretendía denunciar un rescate "que finalmente vai servir paras xustificar medidas e recortes contra os e as traballadoras". Para Noceda, a situación económica actual ten a súa orixe e responsabilidade "no capital financeiro" e non en 'excesos' de gasto público ou en 'demasiados' dereitos da clase traballadora.

Débeda privada convertida en pública

A CIG critica que este rescate vai implicar convertir a débeda privada en débeda pública, e lémbrase que a banca española xa foi obxectos de anteriores rescates e liñas de crédito por importe de ducias de miles de millóns de euros. "Este é o enésimo rescate dunhas entidades que só miran polo seu propio beneficio".

Alén diso, Anxo Noceda tamén criticou que as persoas con responsabilidade na crise actual "estén libres e sen xuizo ningún", mentres se condena a penas de prisión a sindicalistas "por defenderen a clase traballadora", en referencia a Antolín Alcántara, da CIG, que acaba de ser sentenzado a 1 ano de cárcere pola participación en feitos acontecidos na folga do metal de 2007.

A central nacionalista xa anunciou que continuarán as vagas de mobilizacións contra o rescate.

Comentarios