Operarias de Alfageme voltan a se fechar para exixiren unha solución para a conserveira

Traballadoras do grupo Alfageme protagonizan un novo fechamento na factoría de Ribadumia para exixiren a venda da conserveira a El Consorcio, grupo que garante actividade e empregos, e denunciar as dilacións da Xunta, que poñen en perigo o futuro da empresa
alfageme
photo_camera Traballadoras nun peche anterior

Alfageme, e os seus 150 postos de traballo, poden pasar nas próximas horas a ser pasado. Unha situación que as operarias da conserveira non están dispostas a admitir, de aí que protagonicen un encerro nas instalacións de Ribadumia (O Salnés) para exixiren unha solución. Na CIG sinalan directamente a consellaría de Economía e Industria como responsábel do estado actual da conserveira, á cal a Xunta destinou máis de 30 millóns de euros en avais.

Na central nacionalista salientan que había tres empresas interesadas en adquirir Alfageme. Unha delas, a cántabra El Consorcio, leva desde mediados do ano pasado cun proxecto industrial para a conserveira sobre a mesa, alén dun compromiso cos sindicatos de manter os postos de traballo. Outra oferta é de Pescamar (tras a que hai importantes persoeiros do PP de Pontevedra) e a terceira estaría apoiada polos Lago, anteriores propietarios de Alfageme.

A Xunta tería dado un prazo a Pescamar para subsanar a súa oferta, que non cumpría coas bases, o que nas centrais se entendeu como un trato de favor. E agora, os administradores concursais sinalan que poderían proceder á poxa por lotes de Alfageme, o que na CIG se considera a fin do proxecto da conserveira e dos seus empregos. 

Para defender o futuro da conserveira e dos postos de traballo, operarias de Alfageme fecháronse na factoría de Ribadumia, mantendo así unha dinámica de mobilizacións e protestas que protagonizan desde hai meses.

Comentarios