Encerro de 48 horas dos traballadores de Santa Bárbara contra o peche da factoría

Os 170 traballadores da factoría de armas Santa Bárbara, na Coruña, están a protagonizar un encerro de 48 horas contra a intención da empresa e pechar as instalacións herculinas e despedir a todo o cadro de persoal
Santa Bárbara

Os 170 dos traballadores da Fábrica de Armas de Santa Bárbara iniciaron no serán da terza feira un peche nas instalacións en rexeitamento ao ERE presentado por Santa Bárbara Systems (do Grupo General Dymanics) e as pretensións de rematar coa actividade da empresa. O peche estenderase até a tarde da quinta feira. No encerro, os operarios recebiron a visita de representantes de organizacións como o BNG para amosar o seu apoio as demandas. Francisco Jorquera e Carlos Aymerich esíxenlle á Xunta de Galiza que defenda, "con contundencia, o mantemento dos postos de traballo".

O calendario de mobilizacións, e que partillan as factorías do Estado español afectadas polas medidas da empresa, continuará a próxima semana, coa convocatoria dunha folga de dous días. O xoves 7 de marzo, o persoal realizará unha marcha a pé dende a fábrica até a Delegación do Goberno, que sairá por volta das 10:30 horas.

Dende a CIG denunciouse a falta de documentación achegada por parte empresa, así como o "inmobilismo amosado até o de agora a respeito das posíbeis alternativas ao expediente de extinción para o conxunto do cadro de persoal e o peche da factoría". 

O responsábel da central nacionalista, Xabier Rioboo sinalou que dende a CIG se continúa defendendo a necesidade de combinar os pedidos do Ministerio de Defensa coa busca de carga de traballo no ámbito civil, e mesmo "sábese de empresas de ámbito galego que estarían interesadas en facer pedidos á fábrica coruñesa".

Comentarios