Peaxes prohibitivas: as autoestradas máis caras do Estado están na Galiza

Os tramos máis caros das autoestradas do Estado atópanse na Galiza. Mentres particulares e profesionais agardan pola aprobación dos orzamentos do Estado de 2020, onde se recollerán os fundos necesarios para facer efectivas as rebaixa das peaxes aprobadas no acordo de investidura entre PSOE e BNG, transitar por Galiza a día de hoxe segue resultar altamente custoso.

Vista da autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Hombre de hojalata)
photo_camera Vista da autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Hombre de hojalata)

Galiza conta con 273 quilómetros de estradas de pago. Superada no conxunto estatal unicamente por Catalunya, con pouco máis de 463 quilómetros de autoestrada, fica moi por diante de territorios como Andalucía, 153,9 quilómetros; País Valencià, 132,5 quilómetros ou Madrid, con tan só 160,8 quilómetros, após os masivos rescates da Administración central. Ao tempo, os tramos de estradas de pago superan os gratuítos nas comarcas de Pontevedra, onde as autoestradas suman 126,7 quilómetros e as autovías 81, e na Coruña, onde as vías gratuítas representan 146 quilómetros por 77 de pago.

O tramo Silleda-Lalín da AP-53 é o máis caro do Estado. A AP-53, coñecida tamén como Autoestrada Central da Galiza, propiedade dun conglomerado de fondos de investimentos canadenses, norteamericanos, holandeses e ingleses, discorre entre a saída do portádego da AP-9 en Santiago de Compostela e a localidade de Dozón, na comarca do Deza. A suba en 2% no prezo da peaxe do treito Silleda-Lalín, un trazado de aproximadamente 13 quilómetros aberto ao público en 2003, situouno á cabeza de todas as estradas de pago do Estado, cun custo para a usuaria de 2,50 euros, o que significa 0,188 euros por quilómetro. Outros tramos nesa mesma autoestrada, concretamente o situado entre Santiago-Vedra, atópase, tamén no alto da táboa das peaxes.

A AP-9 é a xoia da coroa das autoestradas estatais. A vía, cuxas obras comezaron na década dos setenta, percorre a fachada atlántica do país entre Ferrol e a fronteira portuguesa, suma 178 quilómetros e pertence a Itínere, un consorcio propiedade de diversos fondos de investimentos europeos e norteamericanos. A estrada aparece como unha das vías de xestión privada máis rendíbeis do Estado, até o punto de que a concesionaria agarda uns beneficios de 9.561 millóns de euros até 2048, ano de remate da autorización administrativa de explotación da vía. A duración da concesión é tamén un caso único no Estado, até sumar 75 anos como estrada de pago, tras unha renovación do tempo de aproveitamento polo Goberno de José María Aznar.

O tramo Vigo-Pontevedra da AP-9 é o segundo máis caro do Estado. A vía entre estas dúas cidades entrou en funcionamento en 1981, suma 21,9 quilómetros e custa desde o 1 de xaneiro catro euros, o que significa un prezo de 0,181 euros por quilómetro. A peaxe aumentou en relación coa última anualidade en 2,56%, representando a alza máis elevada de todos os tramos de pago da rede estatal. Segundo a concesionaria, as razóns desta decisión líganse á actualización do Imposto de Prezos ao Consumo (IPC), a repercusións das obras de ampliación da ponte de Rande e ás bonificacións. Porén, os números da empresa xestora desmenten os seus argumentos, pois duns beneficios de 9.561 millóns de euros até 2048 só pensan destinar 153 millóns á mellora a vía.

A certa distancia, mais tamén á cabeza dos trazados de pago do Estado, atópase o tramo da AP-9 entre A Coruña e Ferrol. O seu prezo só é superado polos dous anteriores e os treitos da AP-66 entre León e Magdalena e da AP-68 entre Llodio e Altube e Gallur e Zaragoza, situándose a partir do 1 de xaneiro de 2020 en 4,85 euros, o que representa un custo de 0,181 euros por quilómetro. A suba para o conxunto do traxecto acada 2,11%. Porén nalgúns treitos como Cabanas-Miño e Miño-Guísamo acada o 4,5%. Ao igual que noutras zonas, a empresa concesionaria aprovéitase da ausencia dunhas comunicacións ferroviarias axeitadas entre as dúas cidades.

O alto custo das peaxes nas estradas de pago da Galiza non é cuestionado por ninguén. Se a diferenza entre o prezo dos tramos galegos e estatais acada unhas contías significativas, estas son aínda maiores se as comparamos con Portugal. Sen ir máis lonxe, o prezo da viaxe polos 198 quilómetros da AP-9 que separan a Ferrol de Tui é exactamente igual aos 302 quilómetros de autoestrada que unen Porto con Lisboa. Isto é, mentres no primeiro caso o custo por quilómetro sitúase en 0,112 euros no segundo non chega a 0,073 euros. Porén, neste caso a diverxencia procede da diferente consideración das cidades portuguesas e Galiza na definición das súas respectivas redes.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios