A patronal galega urxe a Xunta a deseñar plans ante o feche das térmicas

O novo presidente da Confederación de Empresarios da Galiza, Juan Manuel Vieites, entrega ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, un informe para a recuperación da Galiza.
Juan Manuel Vieites, presidente da patronal galega, reuniuse con Alberto Núñez Feixoo (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Manuel Vieites, presidente da patronal galega, reuniuse con Alberto Núñez Feixoo (Foto: Europa Press)

Ante o escenario de crise sanitaria e económica, o novo presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites, trasladou na súa primeira reunión co xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, a urxencia de "adoptar as medidas necesarias en materia fiscal, económica e laboral para garantir a supervivencia do maior número de empresas posíbel". Vieites entregou esta cuarta feira, 3 de febreiro, un documento a Feixoo co Plan de recuperación económica da CEG para a Galiza.

Unha das chaves deste plan é a aposta pola reindustrialización da Galiza. Nese sentido, a CEG reclama "unha planificación estratéxica que aborde o desenvolvemento industrial, os retos da  descarbonización, a dixitalización, o envellecemento activo e o incremento da produtividade que achegue o peso da industria no PIB a 20%". 

A patronal pide ademais para as áreas afectadas polo fechamento de centrais térmicas un deseño e posta en marcha "no menor tempo posíbel" de plans de reconversión, alcanzando o reto de crear emprego "verde". Porén, a Xunta continúa a carecer dun plan industrial pese aos fechamentos anunciados de térmicas como a das Pontes ou Meirama, un requirimento ademais que exixe Bruxelas para poder acceder ao Fondo de transición xusta da UE.

A CEG tamén dá un toque de atención á Xunta, e considera que a Galiza debe ofrecer condicións idóneas para a atracción de investimentos produtivos e o desenvolvemento de novos proxectos empresariais e industriais. Nesa liña, pide "máximo compromiso na defensa das tarifas eléctricas competitivas a nivel estatal e europeo, reducir a fiscalidade e a posta a dispor de chan industrial".

Tamén repara noutra materia pendente na Galiza, a fenda dixital, e reclama unha aposta concreta e decidida" pola dixitalización no medio rural, garantindo o acceso á telefonía e internet de alta velocidade en todo o país.

No relativo á internacionalización, a CEG pide reforzar os mecanismos, sistemas e servizos de apoio a empresas, principalmente pemes, para mellorar a súa capacidade exportadora. 

En canto aos fondos europeos Covid, amosa a súa disposición para achegar as necesidades que as empresas transmitan e a contribuír á definición de proxectos financiábeis con fondos da UE. Para tal fin propón a creación dunha oficina conxunta de identificación de proxectos empresariais Xunta-CEG.

Comentarios