A patronal galega rexeita a OPA do BBVA sobre o Sabadell e lembra que nestes anos fecharon 30% das oficinas bancarias

A Confederación de Empresarios da Galiza considera que o actual proceso de oferta pública de adquisición (OPA) hostil lanzada polo BBVA sobre o Banco Sabadell "non é adecuado, nin na forma nin no fondo".
Oficina do BBVA en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Oficina do BBVA en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).

A Confederación de Empresarios da Galiza considera que o actual proceso de oferta pública de adquisición (OPA) hostil lanzada polo BBVA sobre o Banco Sabadell "non é adecuado, nin na forma nin no fondo".

Nun comunicado, a patronal asegurou que esta OPA "supón un motivo de profunda preocupación, pola afectación que poida ter, de maneira moi especial para as pemes, micropemes e autónomos, que representan a base da economía galega".

Por separado

"A diminución de entidades financeiras suporá reducir as fontes de financiamento para o sector empresarial da nosa comunidade", lamentou a CEG, que cre "máis favorábel" para o tecido empresarial da Galiza que ambas as entidades continúen realizando os seus labores por separado.

"Desde o pleno respecto á liberdade de empresa, a fusión suporía, con toda probabilidade, menos acceso ao crédito das pemes e empresas e menor posibilidade de diversificar o seu 'pool' bancario", engadiu o presidente do empresariado galego, Juan Manuel Vieites.

A CEG lembrou que o Banco Sabadell ten "unha gran implantación" na Galiza, con numerosas oficinas repartidas en moitos concellos e que prestan servizos, ademais da particulares, ás pemes alí asentadas.

Segundo as súas cifras, nos últimos anos "perdéronse xa máis de 30% de oficinas bancarias na Galiza, e unha fusión suporía unha nova redución de oficinas e de persoal".

Case un mes despois

O pronunciamento da CEG chega case un mes despois de que  os sindicatos advertisen do impacto que podería ter esa OPA na Galiza. As centrais advertían daquela de que estaban en perigo máis de 300 empregos.

No caso de se confirmar a operación, o resultado sería a creación da segunda entidade bancaria da Galiza con 176 oficinas, só por tras de Abanca, que conta con 435. 

Segundo fontes sindicais, ao remate do primeiro trimestre do presente exercicio 2024, o Banco Sabadell -que dispón de marca propia no país coa denominación de Sabadell Gallego- ten unha rede de 57 oficinas e un total de 372 persoas empregadas. 

O BBVA, pola súa parte, conta con 119 oficinas e 771 persoas empregadas.

Comentarios