A patronal galega quere unha reforma fiscal ‘á madrileña’

A Confederación de Empresarios de Galiza sinala o modelo fiscal de Madrid como "folla de ruta de cara ao futuro".

 

Juan Vieites, presidente da CEG (Foto: Arxina)
photo_camera Juan Vieites, presidente da CEG (Foto: Arxina)

O presidente da Confederación de empresarios de Galiza (CEG), Juan Vieites, avogou por emprender unha reforma fiscal "próxima ao que Madrid está a facer" e sen "agravios comparativos", que "sempre son moi malos".

Preguntado respecto da modificación que prepara o Goberno estatal, Vieites chamou a atención sobre que "as normativas teñen que ser o máis adecuadas para crear emprego e riqueza", sobre todo "nestes momentos" pola crise da covid.

Polo papel "relevante" da fiscalidade desde o punto de vista do investimento, o responsábel da patronal galega avogou por establecer unha lexislación "acomodada para crear máis empresas, riqueza e emprego".

"Estou de acordo en que se reforme pero todos en igual. Os agravios comparativos sempre son moi malos", expresou en declaracións aos xornalistas antes de asinar un convenio co conselleiro de Educación.

Respecto diso, Juan Vieites sinalou Madrid como "folla de ruta de cara ao futuro" posto que está "a crear riqueza na comunidade.

Os economistas galegos Santiago Lago e Xavier Labandeira, catedráticos do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo (UVigo), forman parte dos 17 integrantes do grupo de expertos que abordará a reforma fiscal e que deberá presentar as súas conclusións ao Goberno antes do 28 de febreiro do próximo ano, segundo explicou esta segunda feira a ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Comentarios