A patronal galega confirma a súa división en público

A presentación do balance anual de actividade da Confederación de Empresarias e Empresarios de Pontevedra (CEP) reafirmou a grande división que existe na patronal galega.
O presidente da Confederación de Empresarias e Empresarios de Pontevedra Jorge Cebreiros durante a presentación do balance de 2019 (Europa Press)
photo_camera O presidente da Confederación de Empresarias e Empresarios de Pontevedra Jorge Cebreiros durante a presentación do balance de 2019 (Europa Press)

A Confederación de Empresarias e Empresarios de Pontevedra (CEP) confirmou o seu distanciamento da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG). No encontro informativo para facer balance de actividade da CEP, o seu presidente, Jorge Cebreiros, asegurou que a patronal galega non deu o seu apoio nin tivo ningunha iniciativa, nos últimos dous anos, para "reclamar o que preocupa a empresarias e empresarios" por estar "noutras batallas".

Cebreiros lembrou que desde a organización que dirixe participaron en ducias de encontros coa administración pública, reunións, foros e actos institucionais así como en xornadas sobre internacionalización ou negociación colectiva. "Fíxose todo sen a CEG, nunca atopamos o seu apoio", indicou o presidente da CEP. Desde a patronal de Pontevedra "non poden entender" que a CEG "leve dous anos de transitoriedade", e aseguran que non se dan de baixa "por ser nós a fundadora da mesma" e "por non facer dano" con esta decisión.

A organización galega, segundo Cebreiros, debería "sentar" coas confederacións provinciais para abordar unha posición conxunta en aspectos que afectan ás empresas. Serían temas como as peaxes, os cambios na lei de costas, ou o corredor Atlántico. "Non o fixeron en dous anos e non nos sentimos representados", asegurou. 

A CEP adiantou no encontro as principais liñas do seu plan estratéxico para 2020 e prevé unha xuntanza coa Ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Preocupación polo Brexit e o coronavirus

O empresariado desta organización amosou a súa preocupación polas "incertezas" relacionadas coa actualidade socioeconómica mundial. O vicepresidente da organización e responsábel da Cooperativa de Armadoras e Armadores, Javier Touza, apuntou que hai "tres cisnes negros" no horizonte económico: a guerra comercial entre os Estados Unidos de América e a China, as consecuencias do Brexit e os efectos do coronavirus. 
En relación a esta última cuestión, Touza reclamou "medidas de continxencia a curto e medio prazo" polas cifras de impacto da epidemia que están a dar algúns organismos. Sinalou que algúns países, como Italia, están entre os principais destinatarios das exportacións das comarcas de Pontevedra. 

Comentarios