A patronal galega asegura as pemes non ficarán atrás na captación de fondos europeos

Celebra que a Eurocámara dese luz verde ao segundo alicerce do programa de reconstrución fronte á Covid-19
salario soldo cartos diñeiro
photo_camera A patronal celebra que a Eurocámara dese luz verde ao programa de reconstrución.

A Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) leva case tres anos sen presidente, agás polo lapso de dous días que encabezou a institución José Manuel Barreiros, a finais de novembro.

Con todo, o actual portavoz en funcións, Antonio Fontenla, a patronal asegura estar lista para pórse a traballar e "que as pemes non queden atrás" na captación de fondos europeos para a reconstrución.

"Facemos unha valoración moi positiva da aprobación desta segunda choiva de millóns, porque agora o que se necesita é rapidez e axilidade", destacan.

E é que esta semana o pleno do Parlamento Europeo aprobou o programa 'React-EU', o segundo alicerce do fondo de recuperación que destinará entre 2021 e 2022 un total de 47.500 millóns de euros ás rexións da Unión Europea para contrarrestar as consecuencias da crise do coronavirus.

Os Estados membros recibirán o próximo ano 37.500 millóns de euros procedentes deste programa, dos que 10.300 millóns corresponden ao Estado español. Os 10.000 millóns restantes serán repartidos en 2022. No entanto, poderán optar a financiamento todos os proxectos iniciados a partir do 1 de febreiro deste ano e os recursos poderán gastarse até o final de 2023.

A patronal galega aplaude que este acordo "vai significar que a principios do ano que vén se empece a mover o diñeiro", mesmo con "proxectos xa iniciados que poidan recorrer a estes fondos con efectos retroactivos", algo que ve "moi positivo".

Pola súa banda, a CEG reivindica o seu papel a pesar das circunstancias e os interminables enfrontamentos internos e o que reclama é "concreción", do mesmo modo que a Xunta, sobre os criterios de repartición que utilizará o Goberno español para distribuír estas axudas entre os territorios.

O acordo

Os eurodeputados aprobaron a pasado cuarta feira o fondo para as rexións cun resultado de 654 votos a favor, 23 en contra e 17 abstencións.

Trátase do segundo programa máis cuantioso do fondo europeo de recuperación (bautizado como Next Generation EU), após o Instrumento de Recuperación e Resiliencia (RRF), que repartirá 672.500 millóns entre transferencias e préstamos.

Comentarios