A patronal eólica afirma que en cinco anos Galiza producirá enerxía 100% renovábel

A Asociación Eólica de Galiza destaca no Día da Eficiencia Enerxética a súa contribución á economía do país.
Parque eólico (EGA)
photo_camera Parque eólico (EGA)

Este 5 de marzo celébrase o Día da Eficiencia Enerxética e, con tal motivo, a Asociación Eólica da Galiza (EGA) quixo poñer en valor a súa contribución á construción dun modelo enerxético limpo y sostíbel e o impacto positivo no eido socio-económico que xera nas zonas nas que se implanta.

Segundo destacou a patronal nun comunicado, "a xeración eólica na Galiza en 2019 permitiu cubrir 45% da demanda eléctrica, ao tempo que se agarda que este ano represente 35% do total de xeración eléctrica, moi por riba das medias estatais. E en cinco anos, Galiza podería producir enerxía cen por cen renovábel", apuntan desde a asociación.

Galiza é a terceira autonomía que máis potencia eólica nova instalou en 2019, tras Castela e León e Aragón, sumando 416 novos megavatios (MW). Tamén é a terceira do Estado español en potencia eólica instalada, tras Castela-A Mancha e Castela e León. "Se continuamos aproveitando o noso potencial eólico poderemos consolidar a posición preferente da Galiza neste ranking no curso desta década, y liderar deste modo a transición enerxética en contra do cambio climático", aseguran desde EGA.

Canon eólico

Ás taxas locais asociadas á construción e explotación dos parques eólicos, hai que sumar o canon eólico, que supera os 23 millóns de euros anuais. "Ningunha actividade económica na Galiza ten un imposto deste nivel, que debe contribuír ao desenvolvemento local dos municipios nos que se instalan as infraestruturas eólicas. Teñamos en conta, ademais, que a maior parte de aeroxeradores galegos instálanse en concellos rurais de pequeno tamaño, con orzamentos anuais de entre 2 e 5 millóns de euros, para os que os ingresos do canon eólico teñen un impacto moi significativo na súa capacidade de acometer investimentos que melloren as condicións de vida no rural galego", lembra EGA.

Comentarios