A patronal conserveira, en guerra contra a denominación de orixe que protexe o mexillón galego

Anfaco reclama a suspensión da DOP, denuncia o Consello Regulador do Mexillón, nunha actuación que "podería inducir á prevaricación".

mexillon conservas

A sentenza firme que ditamina que ningúnha conserva de mexillón pode facer referencia á orixe galega do produto se non está amparada pola Denominación de Orixe Protexida cabrea, e moito, á gran patronal conserveira, Anfaco, que sempre quixo que esa DOP se limitase ao mexillón para fresco e non afectase á industria conserveira. Un criterio que a xustiza botou pola chan.

O secretario xeral de Anfaco, Juan Vieites, a raíz da sentenza, manifestou que esa resolución vai levar a aque “en 3 ou 5 anos” non se enlate mexillón galego e que se use “doutros países”. Para o Consello Regulador do Mexillón, “estas manifestacións poderíanse considerar como recomendacións colectivas aos seus asociados para que executen tales indicacións e, en consecuencia, ser pacto colusorio, o que vulneraría a Lei de Defensa da Competencia”.

Xuntanza

Anfaco convocou na súa sede de Vigo a produtores de mexillón, asegura o Consello. Nese encontro, indica, encabezado polo propio presidente da patronal, Jesús Alonso, presentouse aos produtores á sinatura un documento dirixido á Consellería. “A primeira reflexión que xorde é a coacción exercida polo poder de compra para conseguir tal declaración. Nese escrito solicítase á Consellería do Mar a tramitación dunha suspensión da DOP, temporal e con carácter cautelar. Todo parece indicar que o escrito é unha incitación á Consellería a tomar resolucións inxustas e contrarias á Lei (prevaricación)”.

O presidente de Anfaco é o responsábel da principal empresa conserveira de mexillón de Chile (produto que se vende en conservas como galego,como denuncia o sector), e que á súa vez é interprovedor dunha gran cadea de distribución.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios