Paso atrás de Adolfo Domínguez, que cede a presidencia á súa filla

Adriana Domínguez presidirá a firma de moda fundada polos seus avós nos anos 50 do século pasado.
Adolfo Domínguez e a súa filla Adriana (M.Riopa / PuntoGa).
photo_camera Adolfo Domínguez e a súa filla Adriana (M.Riopa / PuntoGa).

Adolfo Domínguez, até agora presidente e máximo accionista da firma de moda que leva o seu nome, decidiu ceder definitivamente o mando da compañía á súa filla Adriana. Após 28 anos á fronte da empresa, o deseñador renuncia á presidencia e apoia a elección da súa filla, referendada polo consello de administración, como nova presidenta executiva da compañía.

Adriana Domínguez toma así o relevo do seu pai só catro anos despois de entrar a formar parte do máximo órgano de decisión da empresa. Desde 2017 conta con todos os poderes executivos, primeiro como directora xeral e desde xullo do pasado ano como conselleira delegada, cargo ao que agora engade o de presidenta do consello de administración da compañía.

Como sinalan desde a firma de moda nun comunicado, "a decisión referenda a sucesión natural na firma de moda de autor, que agora debe encarar o futuro da compañía no marco da peor recesión económica mundial provocada pola crise do coronavirus". O até agora presidente quixo facer coincidir a substitución xeracional co final do mandato estatutario da presidencia, no canto de optar á súa renovación, apuntan estas mesmas fontes. Adolfo Domínguez, principal accionista con 31,5% do capital, seguirá contando cun posto no órgano de administración como conselleiro dominical da sociedade.

Volta aos beneficios

No breve período que leva Adriana á fronte da xestión, con Antonio Puente como director xeral, a compañía volveu á senda dos resultados positivos após dez anos en perdas, logrando incrementar as vendas totais e especialmente a rendibilidade das vendas por tenda e do comercio online, con cifras de crecemento de dous díxitos.

Adolfo Domínguez conta con 391 tendas en 22 países e unha facturación de 112 millóns de euros no seu último exercicio. 

Comentarios