A Xunta tomba o parque eólico Soesto, entre Laxe e Vimianzo, polo seu impacto na fauna

O proxecto de EDP Renovables contaba con múltiples informes que alertaban das súas potenciais afeccións sobre a contorna.
Vacas repousan ao pé dunha fileira de muíños eólicos na Serra do Xistral, no municipio de Abadín, na comarca da Terra Cha (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas repousan ao pé dunha fileira de muíños na serra do Xistral, en Abadín, na comarca da Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Xunta vén de denegar a implantación do parque eólico Soesto, un proxecto promovido por EDP Renovables entre os municipios de Laxe e Vimianzo, porque xeraría un considerábel impacto sobre a fauna, especialmente nas aves. Así o recolle a declaración de impacto ambiental (DIA) negativa que fixo pública esta quinta feira a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. O principal argumento esgrimido é que desde o departamento de Patrimonio Natural emitiron en febreiro pasado un informe desfavorábel polo "alto nivel de ocupación da contorna" que implicaban os aeroxeradores.

Patrimonio Natural sinalou que o proxecto de Soesto ficaría a entre 100 e 200 metros de distancia da Zona de Especial Conservación (ZEC) da Costa da Morte e a uns 600 da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Costa da Morte Norte. Aliás, tal e como concluíu este departamento, produciría afección á paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.

O Concello de Vimianzo, noutro informe emitido en outubro de 2022, tamén sinalara que o parque eólico "non é conforme" coa ordenación urbanística municipal e galega. Con todo, houbo outros departamentos da Xunta —Turismo da Galiza e Defensa do Monte, entre outros— que non puxeron reticencias á súa tramitación.

Tratábase dun parque con dous aeroxeradores e cunha potencia total instalada de 12 megawatts (MW), cun investimento que roldarúa os 9,7 millóns de euros. Contara con fortes críticas por parte de entidades ecoloxistas, como Salvemos Cabana, por mor dos danos que suporía para a contorna.

Outros proxectos

A Xunta fixo pública tamén nesta xornada unha declaración de impacto ambiental favorábel que permite avanzar na implantación dos parques eólicos de Bustelo e Baralláns, entre Cabana de Bergantiños e Coristanco. A respecto do primeiro, está promovido tamén por EDP Renovables e constará de seis aeroxeradores cun total de 36 megawatts de potencia instalada. O investimento supera os 28 millóns de euros.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha DIA favorábel porque ve o proxecto "ambientalmente viábel". De feito, Patrimonio Natural emitiu o pasado febreiro un informe que destacou que o parque non está en "ningunha figura de espazos naturais protexidos" e "non afecta" nin humidais, nin áreas con avifauna ameazada.

Serra de Liñares

Por outra parte, a Xunta publicou esta quinta feira no DOG a autorización administrativa para a construción do proxecto eólico Serra de Liñares, situado nos concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Neste caso, está promovido pola compañía AV Serra de Liñares e terá unha potencia instalada de 48 megawatts tras un investimento de 35,5 millóns de euros. Trátase dunha iniciativa que se remonta máis dunha década atrás, dado que xa estaba contemplada na relación de anteproxectos eólicos que publicou a Xunta en marzo de 2010.

Con todo, a empresa promotora retomou o proxecto en 2019 ao solicitar uns cambios no plan á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que os aceptou en maio de 2020. En xuño de 2021 o Consello da Xunta declarouno iniciativa empresarial prioritaria. Tras varios informes máis de departamentos da Administración galega, finalmente, o 21 de decembro de 2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais emitiu esta autorización de construción que tres meses máis tarde —esta quinta feira— apareceu no DOG.

Comentarios