Paro xeral na industria nas primeiras horas de folga

Os principais polígonos industriais do país non rexistran apenas actividade. Citroen e as súas auxiliares en Vigo fican paralizadas.
Piquete no centro de Vigo
photo_camera Piquete no centro de Vigo

Os primeiros piquetes informativos encetaron a folga xeral percorrendo as rúas das principais cidades e vilas e acudindo aos polígonos industriais. O ambiente que se palpa anticipa un paro masivo durante toda a xornada. Así o constata a ausencia de actividade no sector industrial e na hostelaría.

En Vigo, a factoría de Citröen, a maior empresa da bisbarra, rexistrou unha moi escasa afluencia de traballadoras e traballadores. As e os poucos operarios que ficarían na factoría arestora están a desenvolver tarefas de mantemento dado que a liña de produción estaría paralizada. Aliás, as empresas auxiliares como GKN Indugasa, Viza, MIG Coutier ou Faurecia tamén pararon. A ausencia de traballadoras e traballadores foi a tónica predominante nos polígonos de Valadares, Caramuxo e Porriño. Non haberá tampouco recollida de lixo.

Na cidade olívica o piquete da zona centro, organizado pola CIG logo dunha multitudinaria asemblea, e no que participaron máis de cincocentas persoas deu literalmente un paseo polas principais rúas e avenidas, ao constatar que a totalidade dos negocios ao seu paso ficaban pechados, feito insólito nos últimos anos. Non se rexistrou ningún incidente.

Na Coruña as factorías de Alcoa, Ferroatlántica, Emesa, Isolux, Isowat, SGL, Celsa, Santa Bárbara e Fenosa ficarían tamén paralizadas na súa maioría. O mesmo acontece en Ferrol-Terra, onde Navantia non rexistra actividade nin en Fene nin en Ferrol, mentres que en Endesa das Pontes apenas están activos os servizos mínimos.A recollida do lixo non funciona nin en Ferrol nin en Narón. Neste úlitmo concello, no Polígono do Pozo Pull&Bear non ten operativa a súa quenda de noite. O paro atinxiría tamén o cen por cen nas empresas de Arousa como Castrosua, Carsa e Eslavesa.

Aliás, as centrais sindicais convocantes cifran tamén en preto do 100% o seguimento da folga arestora nos portos, aeroportos e máis no transporte de viaxeiros por estrada e nos ferrocarril de media e longa distancia.

Pasarrúas en Compostela

A última hora da tarde a CIG anticipaba o inicio da xornada cun pasarrúas no que a ritmo de gaitas fíxose un reparto expansivo de propaganda chamando á participación na folga e distribuíronse carteis de “pechado por folga”. Os negocios da hostelaría e comercio da capital ficarían tamén nestes momentos completamente pechados.

(Información actualizada)

Comentarios