O paro sobe en Galiza nun mes en que aumentou nun 15% o número de contratos laborais

En setembro o número de persoas rexistradas no desemprego aumentou en 2.005 mentres que se incrementou nun 15,3% o volume de contratos laborais subscritos. Non é maxia, lembran os sindicatos, senón un exemplo claro da temporalidade e precariedade.

Reforma laboral, máis desemprego

O mes de setembro despediuse de Galiza deixando 2005 persoas máis inscritas no paro rexistrado, elevando así até 215.737 as persoas no paro no noso país. Os dados, porén, son mellores se a comparativa é inter-anual, é dicir, co mes de setembro de 2014. De aquela a agora hai 22.466 desempregad@s menos en Galiza.

Mais poucos dados positivos máis se poden tirar dos informes sobre o desemprego e a afiliación á Seguridade Social dados a coñecer nesta sexta feira polo Ministerio de Emprego español. Das 215.737 persoas rexistradas no desemprego, a maioría están no sector servizos (137.331), seguidas da industria (perto de 27.000) e da construción (con 25.700). Sen emprego anterior hai rexistradas 18.526 persoas.

Temporalidade

En setembro o paro aumentou en 2005 persoas en Galiza mais en setembro o número de contratos asinados volveu a niveis de récord no noso país: 87.553, un 15,2% máis que no mes anterior. Se ben en xullo subscribíranse máis de 100.000 contratos, en xuño andaban nos 85.000 os asinados e en maio nos 68.000. Increméntase o desemprego en setembro e paralelamente soben os contratos laborais que se fan. Como denuncian reiteradamente os sindicatos, non é cuestión de máxia, é temporalidade e precariedade.

Por volta de 1/3 dos contratos que se asinan en Galiza teñen unha duración de menos de 7 días

Así, asínanse cada vez máis contratos porque cada vez eses contratos son de menor duración. A principios de verán, e cunha vista aos primeiros meses do presente ano, por volta de un terzo dos contratos que se asinaban duraban menos de sete días.

Dos 87.553 contratos firmados en setembro, máis de 81.000 foron temporais e só 6.097 eran de carácter indefinido. O 95% dos contratos que nese mes se fixeron no noso país foron, logo para emprego temporal.

109.000 parados en Galiza sen cobrar prestación

Outro dado para a preocupación que se extrae dos informes publicados esta sexta polo Ministerio. En Galiza, máis da metade das persoas que están no paro rexistrado non cobran prestación. Deses 215.737 parados, os beneficiarios dunha prestación por desemprego son 106.539. Ou sexa, hai 109.198 desempregadas en Galiza que non perceben esa prestación.

Nas valoracións dos dados, o sindicato CIG considera como o máis preocupante "a caída da afiliación á Seguridade Social en 5.700 afiliad@s menos, mentres que o incremento do número de persoas desempregadas rexistradas foi de tan só 2.005". Datos que obrigan a preguntarse, di a central, por que desaparecen 3.695 persoas ou se estamos diante dun novo éxodo de galegos ao exterior en busca dun posto de traballo. Para a CIG esta situación "cómpre vinculala ao crecemento económico que en Galiza foi tan cativo como para quedar de última da cola en 2014, o que ten consecuencias obvias na “non” creación de emprego". 

Comentarios