O paro sobe en Galiza en 2.629 persoas mentres baixa no Estado español

O número de persoas no desemprego no noso país é de 270.854. No conxunto do Estado español é de máis de 4.808.000 persoas. En novembro o número de filiad@s á Seguridade Social en Galiza caeu en case 5.000 persoas, un indicativo do emprego que se perde.

O desemprego sobe en Galiza en novembro. A 30 deste mes había no noso país 2.629 persoas máis no paro que a 31 de outubro. Unha media de case 100 persoas cada día foron para o paro en Galiza nestes 30 días. Mentres, no Estado español baixou o paro en 2.475 persoas. O número de galeg@s rexistrad@s no paro é de 270.854. No estado español hai 4.808.908 parad@s. 

En comparación con hai un ano, na Galiza hai por volta de 5.000 desempregad@s menos. Nestes doce meses tamén caeu no país a cifra de filiad@s á Seguridade Social

Baixa o paro, baixa o emprego

No Estado español o desemprego baixou en 2.475 persoas. Mais o número de afiliad@s á Seguridade Social tamén baixou, en 66.829 persoas. Son, por dicilo así, case 67.000 empregos menos. Un indicativo máis de que se está a contraer a poboación activa. Os e as procuradoras de emprego abandonan, emigran, etc.. e no caso das mulleres volve o rol tradicional de ama da casa fóra do mercado laboral.

No que atinxe a Galiza, en novembro tamén houbo unha queda nas afiliacións á Seguridade Social: 4.572 persoas menos. E en termos interanuais, de novembro de 2012 a novembro de 2012, o noso país perdeu 18.682 afiliad@s á SS. Unha cifra que amosa o nível de perda de empregos.

"Intolerábel"

O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido considera que a situación é dramática, non só polo elevado número de desempregad@s, senón tamén polas cada vez máis precarias condicións laborais e salariais. Ante isto denuncia "as nefastas políticas económicas do goberno e as graves consecuencias que están a ter as reformas laborais, que até o de agora, alén de provocar o incremento de paro só conseguiron empeorar as condicións de vida das traballadoras e traballadores".

Consecuencias que, apunta, “serán peores de se aprobar esa nova reforma anunciada polo PP, coa que se pretende introducir unha aínda maior flexibilidade e incrementar a contratación a tempo parcial”, afirma.

A CIG alerta do grave risco de pobreza e exclusión social no que se atopan moitos parados, xa que no mes de outubro, último dato publicado, un total de 119.200 galeg@s no paro non percibían ningún tipo de prestación.

Comentarios