O paro rexistrado aumenta en Galiza mentres baixa no Estado español

O ano despediuse no noso país con 3.286 persoas desempregadas máis que en novembro. Unha recta final na que tamén caeu a filiación á Seguridade Social.

paro, desemprego
photo_camera paro, desemprego

Galiza despediu o 2014 con 251.918 persoas no paro rexistrado, o que supón 3.286 máis que no mes anterior, novembro. Un aumento no desemprego que contradí os dados do conxunto do Estado español, onde o número de parad@s baixou en decembro en máis de 64.400 persoas. O paro baixa en España mais sobe en Galiza. É xa o cuarto mes consecutivo no que aumenta o desemprego no noso país. Cifras e estatísticas que poñen baixo sospeita os discursos de Feijóo sobre recuperación económica. Máxime cando un dos argumentos preferidos do presidente é o de comparar Galiza co resto dos territorios para afirmar que aquí a situación é mellor.

Decembro tamén dixo adeus a Galiza deixando unha baixada na filiación á Seguridade Social, cunha caída de 2.178 persoas a respecto do mes anterior. No noso país hai 926.482 persoas afiliadas á S.S. En termos anuais, comparando 2013 con 2014, o paro descendeu en Galiza en algo menos de 20.000 persoas (-7%).

No que atinxe a contratos asinados en 2014, a nivel de todo o Estado, estes superaron os 16.727.000, sendo apenas un 8% deles indefinidos. Así pois, máis de 9 de cada dez contratos son temporais.

Cobertura

Miguel Malvido, secretario confederal de Emprego da CIG,  chama especialmente a atención sobre a crecente exclusión social de cada vez máis traballadoras e traballadores. Se no mes de novembro eran 116.000 o número de desempregad@s que non cobraban ningún tipo de prestación, no mes de decembro pasaron a ser máis de 120.000. “Estamos falando de 120.000 persoas que carecen de cobertura algunha e que se ven abocadas á pobreza. E estamos falando ademais das que están rexistradas, porque os índices de pobreza seguen a medrar sen que se articulen medidas para darlle unha alternativa e hai moitas persoas que xa nin se anotan no paro porque non atopan traballo”.

Os datos negativos continúan porque parello a isto descendeu tamén a afiliación á Seguridade Social, pasando de 928.700 afiliad@s en novembro, a 926.500 en decembro.

Comentarios