O paro aumenta na Galiza mentres descende no Estado español

A EPA sitúa a Galiza como un dos tres territorios do Estado onde aumentou o número de desempregad@s no segundo trimestre. A taxa de paro é do 22,4% no noso país

Operarias nunha carpinteiría industrial
photo_camera Operarias nunha carpinteiría industrial

O paro aumentou en Galiza en 800 persoas no segundo trimestre deste ano, en relación cos tres meses anteriores, e o noso país atinxiu a cifra de 288.200 desempregad@s, un 0,26% máis. Así o indican os resultados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados esta semana polo Instituto Nacional de Estatística e que recollen un importante descenso do paro no conxunto do Estado español (caeu nun 3,3 por cento).

De Guindos inchou peito: “España crea emprego neto por primeira vez en cinco anos”. Na Galiza aumentou o paro

Na Galiza a taxa de paro sitúase no 22,4%. O noso país é un dos tres territorios do Estado onde aumentou o desemprego no segundo trimestre do ano. Nos outros 14, baixou. Na comparación inte-anual, a que vai do segundo trimestre de 2012 ao segundo trimestre de 2013, os datos son aínda máis demoledores.

Así, a EPA apunta que neses doce meses na Galiza aumentou o número de persoas en desemprego en 12.300. O que supón un incremento do 4,45%. A maioría destes parad@s, 7.700, foron na provincia da Coruña.

Tendencia

O número de fogares galegos con todos os seus membros en paro é de 91.200, case un 9% máis que hai un ano. A provincia da Coruña é a que ten máis familias nesta situación, 38.400 fronte aos 34.100 de Pontevedra.

A cifra de ocupad@s na industria reduciuse en 3.100 persoas, a construción destruiu outros 2.900 empregos.

Comentarios