O Parlamento pide á Xunta axudas directas para a hostalaría

A cámara aprobou unha proposición non de lei do grupo socialista instando á Xunta para que aplique un plan de choques para autónomas, autónomos e pemes ligados ao sector da hostalaría.
Juan Carlos Francisco, deputado do PSdeG-PSOE (Nós Diario)
photo_camera Juan Carlos Francisco, deputado do PSdeG-PSOE (Foto: Nós Diario)

O Pleno do Parlamento galego aprobou esta cuarta feira unha proposición non de lei do grupo socialista para reclamarlle á Xunta un plan de choque con axudas directas para autónomas e autónomos, ademais de pequenas e medianas empresas (Pemes) ligadas ao sector da hostalería. 

Desde o PsdeG reclamouse  a acción do Goberno galego para apoiar a este sector que conta na Galiza con 21.000 estabelecementos e rexistrou unha caída da actividade de 66,3%. O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, lamentou  a "ausencia sistemática" da Xunta neste tema.

O socialista cre que a hostalaría  "necesita dun plan específico de reactivación, un plan inmediato que evite o seu definitivo afundimento".

Francisco criticou a actitude do executivo galego que fía o apoio ao sector no "esforzo descomunal" do Estado español con prestacións a autónomos e o pagamento dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), mentres concellos e deputacións teñen mudado as súas prioridades orzamentarias para atendelos.

Neste sentido, apoiou a proposta das deputacións de dedicar 1% dos orzamentos para rescatar a hostalaría.

Críticas a Feixoo

Para o PsdeG, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, está "instalado na propaganda institucionalizada" e preocupado de "inocular falsidades" contra as que non haxa vacina, como "cando falan de que cada hostaleiro recibiu 2.000 euros de axudas directas".

Criticou que o goberno galego "non conta a verdade nin cando vai ao médico" e subliñou que “os anuncios hai que facelos no Diario Oficial da Galiza, e aí é onde hai que ver as axudas reais para o sector".

Comentarios