Análise

Paridade euro-dólar

O economista e escritor Marcelino Fernández Mallo analiza para 'Nós Diario' a evolución do euro e o dólar nas últimas datas.
O símbolo do euro diante da sede do Banco Central Europeo, en Frankfurt, Alemaña. (Foto: Europa Press)
photo_camera O símbolo do euro diante da sede do Banco Central Europeo, en Frankfurt, Alemaña. (Foto: Europa Press)

O euro finalizou 2002 cambiándose a 1,05 dólares. Desde entón, a moeda europea leva cotizando por enriba do dólar. En 2008 acadou un cambio de 1,6 dólares e a partir da crise financeira daquel ano, empezou o seu continuo devalo ata que o pasado 12 de xullo, cada euro se cambiou por 1,0036 dólares.

Aínda que nos últimos días a divisa da Unión Europea se recuperou lixeiramente, pódese dicir que un dólar equivale practicamente a un euro. Ou o que é a mesma cousa: cun dólar pódense adquirir os mesmos bens e servizos que cun euro. Podemos dicilo incluso doutro modo: os ianquis enriquecéronse en termos relativos fronte aos europeos (ou os europeos empobrecémonos fronte aos ianquis). 

Causas desta evolución

Por que ocorrería algo así? Basicamente, unha divisa sobe ou baixa por tres motivos:

—Primeiro, a oferta monetaria en curso. Se un Banco Central emite grandes cantidades de activos monetarios denominados na súa moeda, o valor desta divisa diminúe polo mero xogo da oferta e a demanda. 
—Un segundo motivo, na miña opinión máis relevante, é o estado dunha economía. Un país (ou bloque de países) estable con boas expectativas económicas dará confianza á súa moeda polo que a demanda desta aumentará e con iso o seu valor. Ao contrario ocorrerá coas economías débiles. 
—E a terceira razón son as expectativas de tipos de xuro. Se se prevé que os tipos aplicables a unha moeda aumenten, a demanda desta divisa crecerá tamén e desta maneira, novamente, subirá a súa cotización.

Seica os tres factores están a xogar a favor do dólar. O BCE inxectou cantidades inxentes de liquidez, a economía USA comportouse notablemente mellor que a europea dende 2008 e as previsións de tipos son de maiores aumentos no dólar que no euro. En consecuencia, temos hoxe un dólar cambiándose en paridade co euro desde aquel pico de 1,6 dólares de 2008.

As solucións han de pasar necesariamente por avanzar con paso decidido a prol da autonomía enerxética e alimentaria

Consecuencias previsibles

Como avanzaba ao principio do artigo, unha primeira consecuencia afecta á riqueza relativa: aqueles que ingresamos en euros somos relativamente máis pobres que os que ingresan en dólares, quen agora poden adquirir máis bens e servizos coa súa moeda.

Outro efecto inmediato é o abaratamento das exportacións para quen vende en euros, a condición de que teñan clientes con dólares. Sucede que a maior parte do comercio exterior dos países europeos ten lugar entre países europeos e estas transaccións realízanse en euros. Con ser relevante, o efecto beneficioso para as exportacións quizais non resulte decisivo salvo para aqueles sectores cunha posición sólida en mercados operantes en dólares como o norteamericano ou o asiático.

Polo lado das desvantaxes, a perda de valor do euro implica dúas consecuencias negativas de longo alcance. A primeira é o aumento do prezo das importacións. Na conxuntura actual, este efecto resulta especialmente alarmante tendo en conta a dependencia dunhas fontes de enerxía sometidas a unha presión pouco menos que insostible, e a unha menor dispoñibilidade de alimentos e outras materias primas debido á inestabilidade política que vive o planeta.

Derivado do punto anterior, non debemos esquecer unha inflación en valores nunca antes vistos neste século. A presión sobre enerxía e alimentos colocou os índices de prezos por encima do 10%. A caída do tipo de cambio do euro está a provocar que o efecto sobre a inflación sexa incluso peor, co cal a súa ameaza aínda se volve máis desacougante.

Ante panorama tan desolador, quedaría falar verbo das posibles solucións, solucións que han de pasar necesariamente por avanzar con paso decidido a prol da autonomía enerxética e alimentaria. Tratamos a cuestión alimentaria nunha colaboración anterior e volveremos insistir en vindeiros traballos. A autonomía enerxética, que hoxe en día semella se cadra unha quimera, sería posible a partir dun modelo distribuído ou descentralizado oposto ao que promoven os Gobernos español e galego hoxe en día. Tamén falaremos disto en próximos artigos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios