Paralizan novas indemnizacións de 33 millóns de euros a 4 exdirectivos das caixas galegas

O Banco de España suspende o pagamento desas cantidades, tal e como tiñan solicitado CIG, e Parlamento galego a instancias do BNG
O diñeiro negro vai en aumento no Estado

O Banco de España deu orde de non pagar as novas indemnizacións de 33 millóns de euros a exdirectivos das caixas galegas, unha decisión agardada  tras o rebumbio xerado na cidadanía polos cobros dos dirixentes destas entidades financeiras, e despois de que a Fiscalía Xeral do Estado abrise unha investigación a instancias da CIG, sobre estas indemnizacións e xubilacións millonarias. A iso uniuse, ademáis, que o Parlamento galego aprobou por unanimidade hai unhas semanas, a raíz dunha iniciativa do BNG, solicitar do Goberno español que non se fixesen eses pagamentos.

Xa que logo, a decisión do Banco de España adoptouse tras toda unha serie de iniciativas impulsadas por diferentes sectores e entidades, entre elas as do ámbito do nacionalismo, para evitar que os responsábeis dunha xestión que derivou,en última instancia, na nacionalización de Novagalicia Banco, poidesen retirarse cobrando cifras astronómicas.

Proceso

Ao se coñecer que exdirectiv@s da entidade galega tiñan pendentes de pagamento 33 millóns de euros do plan de pensións, a CIG solicitou unha xuntanza entre representantes de NGB e d@s traballador@s, e propoñendo o sindicato nacionalista que se reducise ao mínimo legal, 1 euro, a  cantidade a perceber polos exdirectivos. Esta proposta, lembra a CIG, só contou co apoio da CGT, sendo desbotada pola dirección do banco.

Nese punto, a central nacionalista enviou un escrito ao consello de administración da entidade (onde están representados Banco de España e Ministerio de Economía) para que alí se decidise suspenderen eses pagos.

Alén diso, a CIG contactou con grupos parlamentarios para explicar a situación. O BNG, a través do deputado Henrique Viéitez, presentou unha proposición non de lei que contou co apoio unánime da Cámara autonómica e na que se solicitaba ao Goberno español que se impedisen eses novos pagamentos a exdirectivos. Tamén houbo, no Congreso dos Deputados, estabelecer na lexislación medidas que evitasen que poidesen darse ese tipo de situacións.

Responsabilidades

Desde a CIG, alén de parabenizar a decisión do Banco de España, exixen que se investigue a actuación doutras e  doutros directivos da entidade, alén de pedir a devolución de cobros anteriores.

Comentarios