A paralización das obras afecta 80 actuacións da Xunta cun investimento de 240 millóns de euros

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ofreceu estes datos pouco despois de manter un encontro por videoconferencia con representantes da construción, entre estes, o presidente da federación galega do sector, Diego Vázquez Reino.
obras
photo_camera O sector da construción conta con 76.000 traballadores, dos que máis de 26.000 son autónomos (Europa Press)

A paralización das obras en virtude da orde do Goberno do Estado de suspender toda actividade non esencial afecta unhas 80 actuacións públicas promovidas pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Administración que suman un investimento de case 240 millóns de euros.

Foi a información ofrecida nesta cuarta feira, 1 de abril, polo departamento que encabeza a conselleira Ethel Vázquez, pouco despois de manter un encontro por videoconferencia con representantes da construción, entre estes, o presidente da federación galega do sector, Diego Vázquez Reino.

Na reunión, segundo recolle un comunicado, a Xunta manifestou a súa vontade de "impulsar medidas" para "minimizar" o impacto da crise do coronavirus no sector da obra pública e da construción, actividades que quedaron suspendidas desde esta semana.

Neste sentido, a Xunta "axilizará" os pagos dos traballos xa executados e articulará medidas para "dinamizar" as obras públicas cando finalicen as restricións, algo que, como destaca Infraestruturas, "preocupa" ás empresas do sector, que conta con 76.000 traballadores, dos que máis de 26.000 son autónomos.

Trámites por teletraballo

Outro dos asuntos trasladados pola patronal do sector da construción foi a necesidade de que o Goberno estatal habilite mecanismos telemáticos para trámites administrativos relacionados con "determinados procedementos" de cara á reactivación da actividade cando así sexa decretada.

O "día despois" tamén foi outro dos temas abordados entre a Xunta e os empresarios. Neste sentido, Ethel Vázquez comprometeuse a axilizar as adxudicacións pendentes e impulsar novas contratacións unha vez se decrete o levantamento das medidas provocadas pola alerta sanitaria.

Comentarios