Paradores bota á rúa 12 traballador@s no Hostal dos Reis Católicos

Desde a presidencia do Comité de empresa, o sindicato CUT arremete contra "a burla de negociación" dirixida desde Madrid e impugnará un ERE que foi asinado "no cuarto escuro e sen lexitimidade" por CC.OO., UGT e a empresa
photo_camera Protesta no Hostal [CUT-Galiza]


Paradores de Turismo vén de despedir 12 traballador@s no compostelán Hostal dos Reis Católicos nunha xornada en que a dirección de oito paradores galegos comunicaron a rescisión do contrato ou a baixa incentivada a 35 obreir@s en total. No Hostal tod@s @s despedidas acumulaban entre 20 e 45 anos de antigüidade na empresa e superaban os 50 anos de idade. Dúas destas persoas, a quen se lles ofreceu unha baixa incentivada, teñen máis de 60 anos.

O Comité de empresa, cuxa presidencia está en mans da CUT e do cal fan parte tamén CIG, CC.OO. e UGT, denunciou que a empresa procedeu cos despedimentos sen seren avisad@s @s representantes d@s empregad@s "fosen tan sequera preavisado", aplicando así o ERE "que CC.OO. e UGT lle asinaron á empresa en Madrid", segundo denunciou a CUT nunha nota enviada aos medios.

O sindicato quéixase, así mesmo, de que os despedimentos foron comunicados "un a un e oralmente", sen a asistencia d@s delegad@s de persoal. Agás as dúas baixas incentivadas, que foron "negociadas de mutuo acordo", os outros dez despedimentos "desenvolvéronse en termos de absoluta indignidade e foron levados con secretismo". Arremeteu a CUT contra CC.OO. por ter anunciado en rolda de imprensa o acontecido no Hostal "sen poñerse en contacto co Comité" previamente, polo que @s seis representantes deste sindicato e @ representante da CIG souberon dos depedimentos polos medios de comunicación.

Refírense á comparecencia de Jorge Carneiro en que manifestou estar "moi cabreado" e sostivo que "non había necesidade de ningún ERE", malia que CC.OO. asinou o expediente de regulación de emprego "no cuarto escuro e sen lexitimación" no marco do Comité Intercentros de Madrid, onde tamén UGT estampou a súa sinatura.

Daquel acordo avalado por estas dúas centrais, segundo denuncia a CUT e segundo recoñeceu o propio Carneiro, quen dixo ter asinado "para intentar mitigar as consecuencias", prodúcense agora os 12 despedimentos "nun centro de millonarios beneficios" como é o Hostal e após as xornadas de folga realizadas en decembro e xaneiro "contra a burla de negociación" dirixida desde Madrid. Para terza feira, 29 de xaneiro, está convocada unha asembleia de traballador@s. O Comité de empresa impugnará o ERE.

Comentarios