Países afectados polo coronavirus eliminan as peaxes (o Estado español, non)

As asociacións de transportes piden ao Goberno español medidas similares no lugar de compensar ás concesionarias pola caída do tráfico. 
Peaxe da AP-9. (Itínere)
photo_camera Peaxe da AP-9. (Itínere)

A crise do coronavirus está a golpear con forza na economía do país. Noutras latitudes, como no caso da China, na India ou varios países da América Latina, unha das medidas tomadas para suavizar ese impacto foi a supresión das peaxes nas autoestradas, unha acción que de momento non parece estar contemplada polo Goberno español nos seus paquetes de medidas para conter o avance da pandemia. 

A supresión das peaxes, como reclaman as asociacións de transportistas da Galiza, permitiría ás empresas galegas mellorar en competitividade e abaratar custos. Ademais, facilitaría o transporte do material necesario para garantir o abastecemento básico da poboación e reducir o forte impacto que teñen as viaxes sen carga nas contas destas empresas. 

Audasa, a concesionaria da AP-9, principal autoestrada da Galiza, pode estar tranquila. Non só porque, salvo sorpresa, poderá seguir cobrando as peaxes, senón porque o Goberno tamén abriu a porta a que poida recibir compensacións económicas pola caída do tráfico co gallo de non alterar o equilibrio financeiro da concesión.

Obrigas canceladas

Por outra banda, Audasa comunicou a pasada quinta feira á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a cancelación dunha emisión de obrigas polas "circunstancias extraordinarias imperantes, entre outros, nos mercados de débeda provocadas polo coronavirus". Así, en virtude do acordado coas entidades colocadoras, a concesionaria desiste de lanzar ao mercado a emisión denominada "Audasa Abril 2020", por importe nominal de 100 millóns de euros e coa garantía solidaria de ENA Infraestruturas.

Comentarios