''Que paguemos tanto no recibo da luz débese a unha decisión política''

O local da Alexandre Bóveda da Coruña acolle un acto sobre 'O negocio das eléctricas' organizado polo BNG da Coruña. Debullamos con Fernando Branco Parga, ex-parlamentario nacionalista, o que hai en torno á tarifa eléctrica.

fernando_blanco_parga

Fernando Branco Parga estará esta cuarta feira na Coruña, nun acto organizado polo BNG da cidade herculina no local da AC Alexandre Bóveda a partires das 20:00 horas: 'O negocio das eléctricas'. Estarán tamén a deputada Carme Adán e Xosé M. Golpe, asesor enerxético.

A tarifa eléctriva volve estar de plena actualidade..

Un pouco o que vou tratar de expoñer na miña intervención é como funciona o sistema eléctrico, que é o déficit tarifario, porque a tarifa é tan alta... Temos que lembrar que o Estado español é o terceiro coa tarifa doméstica máis cara entre 30 países europeos, e é o octavo en canto a tarifa industrial.

E iso a que se debe?

Fundamentalmente, a dúas cuestións. Por un lado, hai toda unha serie de custos que están na tarifa e que non debían estar aí, senón nos orzamentos xerais do Estado. Historicamente cargáronse na tarifa uns conceptos que non deberían ir aí, como son o da política de renovábeis, as primas de capacidade, a extra-peninsularidade... E iso é unha decisión política.

E a segunda cuestión?

É o sistema de retribución no mercado maiorista, que funciona como unha poxa diaria as 24 horas do día e que favorece que dá o prezo o que entra máis caro. É un sistema no que sempre teñen beneficios as nucleares e as hidráulicas.

No acto tamén estará Carme Adán, deputada do Bloque Nacionalista Galego, e Xosé M. Golpe, asesor enerxético, “que fará unha mostra explicativa de que é cada concepto que figura nun recibo, cales son os erros máis comúns que hai nas facturas, como reclamar...”

Cal é a alternativa que propoñen o sistema actual?

Galiza é excedentaria na produción de enerxía. Defendemos unha tarifa eléctrica galega. Isto é, a tarifa componse basicamente de dous conceptos: peaxes e custo enerxía. Calculamos, por exemplo que cunha tarifa eléctrica galega reduciríase a peaxe nun 30 por cento, e iso son moitos cartos tanto para as familias como a nível industrial, dando así unha vantaxe ás empresas que están ou se asenten aquí. Un dato a ter en conta é que na tarifa actual a nivel de estado xa hai certas compoñentes territoriais: Por exemplo, pagamos entre todos 1.800 millóns de euros anuais para que a enerxía non saia máis cara nas zonas extra-peninsulares, como Canarias ou Balears.


 

Comentarios