“Pactar un salario mínimo nestas condicións o que fai é que a pobreza vaia en aumento e se cronifique cada vez máis”

O acordo atinxido esta semana entre goberno español, os sindicatos CCOO e UXT, e a patronal para elevar o salario mínimo interprofesional (SMI) até os 850 euros en 2020 - na actualidade está situado en 707,6 euros mensuais- non convence á CIG

Para o sindicato nacionalista non se pode perder de vista que o colectivo de traballadores e traballadoras que ingresan menos da metade do SMI é de 18,1% en Galiza e o colectivo que non acada ingresos anuais iguais ao SMI é de case 31% do total. Perante este escenario, o acordo asinado “consolida a realidade que estamos a describir”.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, denunciou esta semana que este acordo incumpre o acadado no Congreso e que fixaba no ano 2020 un SMI de  950 euros. O pactado entre os principais sindicatos españois e patronal prevé para 736 euros para 2018 pero que até 2020 non sería de 850 euros.

Máis grave aínda considerou Carril que os incrementos se condicionen a que o PIB do Estado español sexa superior a 2,5 e que haxa unha media de 459.000 novos cotizantes á Seguridade Social. “Pactar un SMI nestas condicións o que fai é que a pobreza vaia en aumento e se cronifique cada vez máis”.

Ademais, as cantidades pactadas están lonxe de 60% do salario medio que indica a Carta Social Europea -que a CIG leva anos demandando- e que, para que se cumprira, tería que situar o SMI en 857 euros sen máis demora.

Comentarios