Pablo Iglesias dá por feito o traspaso da autoestrada AP-9

Ana Pontón destaca que o traspaso virá acompañado "da maior rebaixa" nas peaxes da autoestrada. 
Pablo Iglesias no mitin da Coruña. (M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Pablo Iglesias no mitin da Coruña. (M. Dylan / Europa Press).

O Goberno español está máis preto de cumprir unha das reivindicacións históricas da Galiza, como é o traspaso da autoestrada que vertebra o país de norte a sur. E se quedaba algunha dúbida, o vicepresidente segundo do Goberno e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias, encargouse de despexala ao ratificar, nunha entrevista na Televisión de Galicia, que a xestión da autoestrada AP-9 pasará a mans da Xunta, tal e como reclamara de xeito unánime o Parlamento. "Téñoo clarísimo. Este goberno vai ter que dar as competencias da xestión desta autoestrada ao Goberno galego", afirmou Iglesias, quen defendeu que o Goberno que preside Pedro Sánchez en coalición coa formación morada "está a demostrar que todos os territorios teñen a mesma importancia, independentemente das súas características".

A transferencia da AP-9 a Galiza foi unha petición unánime do Parlamento, pero sucesivamente foi bloqueado en Madrid no Congreso e posteriormente polo Goberno de Mariano Rajoy, aínda que o PP galego forma parte desta reclamación.

O actual Executivo español, presidido por Pedro Sánchez, comprometeuse a transferir este mesmo ano a autoestrada AP-9. Fixoo a través do acordo de investidura asinado co represente do BNG no Congreso, Néstor Rego, no que figuran outras reclamacións históricas.

Precisamente, a candidata á Presidencia da Xunta do BNG, Ana Pontón, afirmou que este ano será "no que se transfira a AP-9 a Galiza" e "non só" iso, senón o da "rebaixa máis importante" da autoestrada. Ademais, sinalou que "ten que ser a primeira de moitas máis competencias" transferidas a Galiza. "Non podemos seguir co autogoberno conxelado", advertiu a dirixente nacionalista.

Comentarios