Oviganic Ibérica e Leite Noso adquiren Queixerías Prado

Queixerías Prado vén de ser adquirida por unha alianza de dúas empresas, liderada por Oviganic Ibérica e coa participación de Leite Noso.

Instalcións de Queixería Prado, en Monforte
photo_camera Instalacións de Queixerías Prado, en Monforte.

Queixerías Prado (Monforte de Lemos), nada en 1982 e referente na industria do sector lácteo galego, vén de ser adquirida por unha alianza de dúas empresas, liderada por Oviganic Ibérica e coa participación de Leite Noso.

O obxectivo dos novos propietarios, segundo aseguran nun comunicado, pasa por aumentar a produción e oferta da queixaría, cunha aposta pola innovación que consolide as perspectivas de futuro da empresa monfortina aumentando a súa produción.

O acordo de compra inclúe a continuidade dos 25 postos de traballo da factoría, así como o mantemento dos acordos con todas as granxas proveedoras, continunado co seu ritmo de funcionamento habitual, garantindo o subministro a todas as cadeas de distribución coas que opera.

Queixeirías Prado está situada no polígono de Reboredo en Monforte, ao igual que Oviganic Ibérica. O novo proxecto para a queixaría monfortina está liderado por Oviganic Ibérica, unha industria asentada tamén en Monforte, con 55 traballadores e que realizou nos últimos anos un importante investimento para a modernización da súa planta.

Oviganic Ibérica, propiedade da multinacional china Yeeper desde 2019, está a pór en marcha novas liñas de fabricación de leite en po para alimentación infantil de alta gama, así como liñas para a desmineralización de soro e para a elaboración de aceite de manteiga, que serve de ingrediente base para a industria alimentaria.

A outra empresa que participa na compra de Queixerías Prado é Leite Noso, a sociedade propiedade de gandeiros galegos que comercializa directamente e sen intermidarios as marcas Deleite e Muuu. No comunicado emitido aos medios, ponse en valor a aposta de Leite Noso por manter contratos estábeis coas granxas a prezos xustos.

En abril do pasado ano protagonizou unha importante captación dalgunhas das gandarías máis innovadoras da Galiza, coas que asinou contratos a tres anos e coas que vén realizando proxectos de innovación e desenvolvemento en materia de calidade.

Leite Noso destaca que foi pioneira, no seu nacemento, en ofertar contratos no campo a un ano en 2020 e tamén foi a primeira empresa en ofrecer contratos a tres anos na Galiza, o que dá unha maior estabilidade ás granxas, destacan.

Comentarios