Ourense: terra da chispa.. e da precariedade. 14.000 contratos de menos dunha semana de duración

Máis de 14.000 contratos subscritos en 2015 tiveron menos dunha semana de duración.

Mobilización contra a precariedade
photo_camera Mobilización contra a precariedade

Máis contratos temporais e de corta duración que nunca. Iso é o que aconteceu en 2015 en Ourense, segundo denuncia o sindicato CIG, sinalando os máis de 14.000 contratos subscritos en 2015 nesa provincia e que tiveron menos dunha semana de duración. Dos 67.059 contratos formalizados ao longo do ano pasado, unicamente 4078 (o 6,35%) corresponden a contratos indefinidos “e moitos deles son a tempo parcial, a modalidade que están a potenciar o Goberno e a patronal e que constitúe unha bolsa de fraude”, di a central nacionalista.

.A duración dos 64.197 contratos temporais rexistrados amosa que a súa duración é cada vez menor: 14.681 tiveron unha duración de menos dunha semana, 7082 dunha semana a un mes, e 14.059 dun a seis meses.

Dende a CIG-Ourense sosteñen que estas estatísticas constatan “o empobrecemento da clase traballadora e a inestabilidade no emprego” así como “as nefastas consecuencias das últimas reformas laborais que provocan unha multiplicación da precariedade con elevada temporalidade e rotación de emprego e con masivos contratos de horas e días”.

Comentarios