Ourense e A Coruña, as peores cidades para mercar piso como investimento

Con 4,7% e 4,8%, respectivamente, Ourense e A Coruña presentan os retornos do investimento en vivenda máis baixos do Estado español.
Un local en venda (Arxina).
photo_camera Os locais comerciais son os investimentos máis rendíbeis (Arxina).

Mercar un piso para sacarlle rendemento co alugueiro non é unha boa idea en cidades como Ourense ou A Coruña. Así o demostran os datos dun estudo realizado polo portal inmobiliario Idealista, que sitúa a rendibilidade bruta da compra dunha vivenda para poñela no mercado do alugueiro en 4,7% no caso de Ourense (só superada por Donostia, con 3,9%) e 4,8% no da Coruña. Son as máis baixas do Estado español, onde a taxa de retorno media mantívose estábel en 2019 en 7,4%. Con todo, segundo destaca o portal inmobiliario, as taxas das cidades galegas, aínda sendo as peores, multiplican por máis de dez a rendibilidade que ofrecen os bonos do Estado a 10 anos, que está en 0,4%. 

No caso das oficinas o retorno é maior, cunha rendibilidade bruta media do 9,9%, pero A Coruña segue a ser a excepción.   É a única cidade galega da que Idealista ten datos, e vólvese situar como a última da listaxe, cun retorno de 5,6%. 

Mellor mercar locais en Lugo

Do que si ten referencias Idealista é da rendibilidade dos investimentos na compra de locais para alugueiro. Neste aspecto, Lugo é a mellor alternativa no conxunto do Estado, cun retorno de 12,1%, segundo o portal inmobiliario. No extremo contrario figura novamente A Coruña, cunha rendibilidade de 6,8%. A medio camiño quedarían Ourense (7,9%) e Pontevedra (9,5%). A rendibilidade bruta media ao final do ano dos locais comerciais situouse en 8,9% no conxunto do Estado.

Se os locais son o produto máis rendíbel, no extremo oposto figuran as garaxes, cunha media de 6,7%, atendendo aos resultados do portal inmobiliario Idealista. En Ourense, o retorno é menos da metade da media (3%), namentres na Coruña a taxa sitúase en 4,9%.

Comentarios