Os traballadores reaxen contra o peche de Santa Bárbara e os 180 despedimentos

O cadro de persoal da empresa acordou realizar peches e folgas contra unha decisión que entende inxusta e irresponsábel.
Santa Bárbara

As malas perspectivas do mercado de defensa é a xustificación dada polos responsábeis do grupo General Dynamics European Land Systems para pechar neste 2013 a factoría de armas coruñesa de Santa Bárbara. Unha decisión que implica o despedimento dos seus 180 traballadores. Esta medida adóptase no marco do proceso de reestruturación que implica o peche de varias factorías no Estado español e un ERE para 700 operarios.

Fronte a estas medidas da empresa, os cadros de persoal das distintas factorías desa compañía no Estado español acordaron un calendario de mobilizacións e protestas: Esta terza e cuarta haberá peches de traballadores nas instalacións; e o 6 e 7 e marzo, folga.

A empresa mantén que o peche da factoría da Coruña é "irreversíbel". Porén, representantes do plantel de Santa Bárbara califican de "aberrante" que se peche a factoría coruñesa, e mesmo sinalan que a empresa de EEUU procuraba desde un principio acabar coa industria militar española no camiño de desfacerse da competencia. Desde os propietarios, sen embargo, indican que o peche de Santa Bárbara resposta a que "xa non era viábel". O cadro de persoal xa tivo o apoio de organizacións como o BNG.

Alén da factoría da Coruña, General Dynamics tamén levará despedimentos en Santa Bárbara de Asturies, con 280 despedimentos, entre outras fábricas de armas do Estado.

Comentarios